La poetisa portuguesa Rosa Alice Branco gana el Premio de Poesía Espiral Maior

O Xurado do XVII Premio de Poesía Espiral Maior, formado polos poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Anxo Fernán Vello, acordou, por unanimidade, conceder o Premio de Poesía Espiral Maior na presente edición ao libro titulado 'O gado do Senhor', presentado baixo o lema 'Margarida Jorge', que, unha vez aberta a plica, resultou ser obra orixinal da poeta portuguesa Rosa Alice Branco.

Á actual convocatoria presentaronse un total de 198 libros, procedentes de Galicia, Portugal, Angola e Brasil e, en declaracións efectuadas polo Xurado, cun dos niveis máis altos de calidade observados na historia do certame. O Premio de Poesía Espiral Maior, dotado con 15.000 euros, supón, a maiores, a publicación da obra, cunha tiraxe de 2.000 exemplares, na Colección de Poesía de Edicións Espiral Maior.

Ironías sobre a Biblia
En palabras do Xurado, a obra gañadora contén unha proposta poética que leva a cabo un discurso crítico e unha glosa irónica sobre a Biblia, centrada na consideración da inxustiza que representa a morte consentida pola Providencia.

Rosa Alice Branco, con máis de dez libros de poemas publicados, ao que se une unha importante obra ensaística, está considerada na actualidade como unha das máis importantes poetas portuguesas contemporáneas. Doutora en Filosofía Contemporánea pola Universidade Nova de Lisboa, na actualidade é profesora de Teoría da Percepción na Escola Superior de Artes e Design de Matosinhos. A súa obra poética foi traducida a numerosos idiomas, entre eles o español, francés, alemán, inglés e árabe.

Comentarios