Opinión

Podemos frear o despoboamento?

MAÑÁ celébrase no auditorio da Cañiza unha xornada co interesante e ambicioso título do artigo de hoxe á cal fun convidado a participar, no meu papel de profesor do e no rural. O evento, organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta e a cooperativa O Tempo da Aldea, ten como finalidade afondar sobre os factores que provocan o despoboamento así como tirar propostas para "adaptar os vellos recursos ás novas demandas" e así frear o éxodo do rural. Unha xornada que nos permitirá coñecer de preto novidosas iniciativas, como as que se levan implantando na aldea de Rebordechán, no limítrofe concello de Crecente, e debater sobre o futuro do rural dende un punto de vista interdisciplinar.

O caso de Rebordechán é dende logo único e envexable polo seu dinamismo. Esta parroquia de Crecente (concello pertencente a Pontevedra pero limítrofe tanto con Ourense como con Portugal) rexistrou tan só 98 habitantes no censo de 2018. Cunha poboación media-baixa, como a maioría das parroquias do rural do interior galego, a veciñanza ergueuse en pé de guerra para evitar os devastadores efectos do despoboamento. Como eles din na súa web, "unha aldea de tantas, desas que hai espalladas por Galicia con demasiados funerais e ningún nacemento" e para evitar o propio funeral da aldea puxéronse mans á obra e de xeito comunitario recuperaron as festas que se foron perdendo co tempo, e engadiron outras, recuperaron o patrimonio e loitaron por mellorar as súas infraestruturas. Ata aquí o normal en moitas parroquias dinámicas do noso interior (que xa son minoría dentro do total).

A particularidade do proxecto é que aquí a veciñanza creu nun rural vivo (non de exposición), que poida xerar oportunidades económicas ás persoas que queiran vivir nel, e crearon unha cooperativa denominada O Tempo da Aldea. Este proxecto veciñal pretende o desenvolvemento turístico da contorna a través dun campamento, no que se instalarán unha tenda, un restaurante, un rabaño, un invernadoiro, roteiros de sendeirismo e actividades culturais e medioambientais. Un conxunto de ideas, parte delas en execución, co fin de pechar ciclos dentro da propia parroquia. A cooperativa prevé duplicar os postos de traballo iniciais, oito, cando remate a execución total do proxecto, creando unha serie de sinerxias con outros negocios da contorna.

E na xornada de tarde levarase a cabo un debate, aberto con todas as persoas asistentes, nas que comezaremos os convidados (entre eles a doutora lucense de Economía Aplicada Mar Pérez Fra) para analizar dende un punto de vista interdisciplinar os factores que provocan o abandono, as posibilidades dos vellos produtos nas novas demandas e chegar a unha serie de propostas para frear o despoboamento que dende a organización teiman en levar "a onde faga falla".

Eu teño claro que o sistema educativo actual é un factor de primeira magnitude, dende logo non o único, no éxodo cara as cidades, fóra de iniciativas singulares levadas a cabo nalgún centro de ensino particular (xeralmente de pequenas dimensións) e por moito profesorado a nivel individual. Profesionais claramente vocacionais que son capaces de "saírse" dos guións oficiais, pola súa conta e risco, e con moito traballo levar a cabo iniciativas que axuden a poñer en valor a contorna do alumnado tamén dun xeito económico. Porque se o propio alumnado non cre no lugar que os viu medrar, no día de mañá poucos virán de fóra tratar de arranxar os seus problemas.

Comentarios