Unha comisión formada por varios colectivos e estudosos da obra de Xosé Crecente Vega inicia no seu Castro de Rei natal unha campaña para solicitar á Real Academia Galega (RAG) que dedique o Días das Letras Galegas de 2021 ao poeta da Ponte de Outeiro, coincidindo co 125 aniversario do seu nacemento.
Varios membros da comisión (o arquitecto e parente do escritor Mario Crecente, Regina Polín e Felipe Arias) reuníronse co rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, para presentarlle as iniciativas que se están a impulsar co obxectivo de pór en valor a figura e o legado do poeta.
Durante o encontro, o rexedor de Castro de Rei comprometeu o apoio do Concello para a publicación do libro O mundo nun puño de remol (poesía póstuma), unha obra inédita de Crecente Vega, e mostrou o seu apoio a "un merecido recoñecemento" para o autor coa dedicación da próxima edición do Día das Letras Galegas.
"Foi un punto de partida para iniciar unha campaña para tratar de facerlle un recoñecemento especial a Crecente Vega", expresou o rexedor, que asegurou que o Concello "estará á total disposición" para da candidatura. "O Concello como institución ten que ser o primeiro", indicou Balado, e subliñou que o Día das Letras Galegas, ademais de ser "o maior recoñecemento ao que pode aspirar un escritor" tamén é "importantísimo" para o municipio e para poñer en valor o eido cultural.
Trala reunión, fíxoselle entrega ao Concello dun facsímile de Codeseira, obra de referencia de Crecente Vega, e a comisión informou de que xa ten abertas páxinas en Instagram, Twitter e Facebook.
"Sorprende que non fora homenaxeado xa. Crecente Vega é un escritor moi recoñecido, cunha obra non moi extensa pero moi importante", din dende a comisión que leva o seu nome e involucra a colectivos como Xermolos, Xotramu, Aquilino Iglesia Alvariño, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Amigos do Castro de Viladonga, a Diócese de Mondoñedo e a estudosos e escritores como Félix Villares, Xosé Otero Canto, Xulio Xiz ou Ricardo Polín.
O poeta virxiliano da Terra Chá
Obra
Codeseira foi publicada en 1933 e en 2002 Ricardo Polín recolleu en Folla Bricia parte da súa obra inédita. Din que era o poeta virxiliano da Terra Chá e que nos seus poemas destaca "un aire ecoloxista e a devoción polos clásicos".
Recoñecementos
Dá nome a unha rúa e á biblioteca de Castro de Rei. E a súa figura comparte protagonismo con Manuel Becerra nun libro de Manuel Vila e Xosé Antón Pombo.