Opinión

Nova etapa en 'rebrotes'

A POUCOS días da constitución do novo Parlamento galego, o panorama político e mais o económico que se presenta é infelizmente ben incerto: a pandemia non só non está controlada, senón que rexorde en forma de ‘rebrotes’, aquí, alá, en toda a parte; co agravante de responder a unha situación que non se esperaba até o outono. A nova normalidade parécese pouco a unha normalidade calquer. No plano económico, nada é análogo á época ante-covid 19: non hai volta a todas as actividades económicas; unhas semella que non volverán existir como antes, porque non sobreviveron; e outras van soportar tais cambios que suporán tamén un cambio nos usos dos consumidores. No primeiro caso atopámonos co comercio: numerosos estabelecementos teñen anunciado que non volverán abrir porque non serán quen de superar un ano a tan baixo nível de actividade e, por tanto, de ingresos, sobre todo considerando a marxe de manobra tan estreita que viñan soportando desde a crise do 2008 e a competencia feroz das grandes distribuidoras. Para o comercio a pandemia non chegou máis que para evidenciar unha situación previa moi comprometida. As axudas han valer, no mellor dos casos, para ter unha prórroga dunha morte anunciada. Os subsectores de hostalaría e restauración van sofrer a penúltima sacudida do cambio social que supón a caída brusca do turismo, da desaparición pontual das festas, do cesamento (esperemos que ocasional) das actividades culturais e a caída do hábito de socializar fóra de casa por medo ao contaxio. O confinamento supuxo cerramentos pero o remate da dita reclusión non veu acompañada dunha normalización da vida social, e isto supón tamén unha caída asimétrica en diversas actividades como é o caso dos bares, restaurantes e hostalaría. Non é unha situación normal, e, o que é pior, non se albisca cando rematará. Non obstante, é chegado o momento de botar a andar para tomar conta da situación e transitar polo novo camiño marcado por novas circunstancias. Cesamento de actividades, desemprego, hábitos relacionais modificados, sanidade pública e mais ensino público estresados e con necesidades de novas incorporacións e institucións que funcionan lastradas por vellos hábitos, precisan dunha intervención pública decidida que sexa quen de repoñer o tecido danado e que creando emprego contribúa positivamente a comezar o camiño da recuperación económica. No presente contamos con fundos europeos novos polo que compre tamén construír plans de investimento público, público-privado (é dicer, de capital mixto) e privado con axuda pública nos sectores de actividade económica que, xerando emprego, consigan permanecer no tempo e sosterse a sí mesmos. Para un bon comezo poderíanse contratar profesores para o ensino público, dotar de persoal á sanidade pública galega que derrote a precariedade e as miserias que quedaron á vista. Pode que sexa chegado o día en que Lugo conte con tren e non con estacións: un servizo de transportes ferroviarios que acerquen Lugo ao resto do país. E precisamos finalmente, pero non en menor medida, reformar a administración pública en moitos casos máis obsoleta que a vía Lugo-A Coruña (son da mesma época).

Comentarios