O home de 82 anos que foi atropelado o pasado sábado cando cruzaba a Avenida de Magoi faleceu na madrugada do domingo na Unidade de Coidados Intensivos do Hula a consecuencia do traumatismo craneoencefálico que sufriu no accidente.
Os feitos tiveron lugar ás 13.00 horas, cando o home dispúxose a cruzar a vía afastado do paso de peóns e resultou atropelado por un turismo que circulaba pola zona. Segundo testemuñas que observaron o sucedido, o home quedou tendido na calzada a consecuencia do golpe e foi asistido nun primeiro momento pola clienta dunha cafetería que contemplou o sucedido. Unha muller aplicoulle técnicas de reanimación cardiopulmonar ata que apareceu a ambulancia.
Os servizos sanitarios trasladaron ao octoxenario ao Hula, onde ingresou na Uci con prognóstico reservado e, onde pasadas unhas horas, acabou falecendo.
O condutor do vehículo que atropelou ao octoxenario era, segundo algunhas testemuñas, un home novo. Ademais da ambulancia, trasladouse á zona do sinistro unha patrulla da Policía Local que procedeu a levantar atestado e tamén a facer as probas de alcoholemia e detección de drogas sen que teña comunicado aínda os resultados.