O cuarto xulgado do Social de Lugo podería estar en funcionamento antes de 2021

O Ministerio de Xustiza remitiu ao Poder Xudicial a proposta para crear tres novas unidades xudiciais en Galicia para evitar a saturación pola pandemia
Los juzgados de Lugo. AEP
photo_camera Los juzgados de Lugo. AEP

O Ministerio de Xustiza creará tres novas unidades xudiciais en Galicia para evitar saturación pola pandemia. En concreto, serán tres xulgados do social: o número 7 da Coruña, o 4 de Lugo e o 7 de Pontevedra, en Vigo. 

O departamento remitiu este xoves ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) a proposta de creación deste tres novas unidades xudiciais para evitar que se saturen os xulgados debido ao "extenso período de retardación estrutural da administración de xustiza" durante a pandemia. 

"Con esta medida, en menos dun mes, Xustiza dá cumprimento á Lei 3/2020, de 18 de setembro, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á covid-19 no ámbito da administración de xustiza, co obxectivo de que algunhas destas unidades de nova creación entren en funcionamento a finais deste ano", destaca o ministerio nun comunicado. 

A retardación como consecuencia da crise sanitaria da covid-19 "esixía un impulso efectivo que permita dar unha saída áxil ao volume de procedementos suspendidos e acumulados desde que se decretou o estado de alarma", incide. 

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros do pasado 7 de xullo a aprobación dun "ambicioso plan de actuación" con medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á covid-19 e "aliviar" a acumulación de litixios derivada da crise sanitaria. 

Este plan, explica Xustiza, desprégase en dúas fases e afectará a un total de 315 xulgados, "principalmente ás ordes do social, mercantil e contencioso-administrativo". Permitirá adecuar a planta xudicial, segundo agrega, ás necesidades derivadas da crise nun prazo de tres anos, e un terzo das prazas crearanse no primeiro ano.

LUGO. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, felicitouse pola creación dun novo xulgado do social en Lugo, unha "moi boa noticia para os lucenses, dada a saturación de procedementos agravada pola pandemia". 

Segundo indica a Subdelegación, este xoves comunicoullo á alcaldesa, Lara Méndez, quen "fixo xestións para alcanzar o cuarto xulgado do social". 

En xullo, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzara que o novo xulgado se situaría xunto aos outros tres do Social no edificio xudicial da rúa Armando Durán, unha vez que o Estado autorizou, tras varias peticións da Comisión Mixta entre Xunta e TSXG, a súa posta en marcha.

Comentarios