Margarita Ledo, "sorprendida" de ser a primeira muller co Otero Pedrayo.

A académica destacou a "unanimidade" do xurado que lle deu o premio creado hai 40 anos

Margarita Ledo. PEPE TEJERO
photo_camera Margarita Ledo. AEP

Margarita Ledo estaba este martes diante do armario na súa casa de Santiago elixindo un traxe para acudir á cerimonia de entrega dos Premio da Cultura Galega cando recibiu unha chamada co prefixo 986, Pontevedra. Carmela Silva, que, coa súa voz cargada, lle anunciaba que fora recoñecida co premio Otero Pedrayo.

Silva preside a Deputación pontevedresa, que organizaba este ano o galardón que convoca coa Xunta e as outras tres deputacións, e que propuxera a Ledo (Castro de Rei, 1951) para merecelo.

A galardoada, que ía vestirse para ver por enésima ocasión como entregaban un premio a outros, recibiu a noticia con "sorpresa". O motivo orixinal foi —"como subliñou Carmela Silva"— que era a primeira muller en recibir o Otero Pedrayo dende a primeira edición, en 1977, hai 40 anos. Unha vez asumía esa anomalía, Margarita Ledo reflexionou noutro factor inesperado, que o xurado manifestase "unanimidade". A sensación fóra de palacio é que, ano tras ano, o fallo do Otero Pedrayo é convulso.

A gañadora desta edición é consciente de que non lle faltan liñas de currículo para ser merecente. Ademais de catedrática da USC, é académica da RAG, investigadora, cineasta e escritora, pero o costume era ser espectadora nas entregas de galardóns porque é muller e porque se move na vangarda e nas marxes como estudosa e como creadora. Nestes meses, por exemplo, analiza a subtitulaxe de películas en linguas de "pequenas nacións".

Varias desas nacións son as que están nas beiras do "Mar de Amadís, que son Gales, Bretaña e Galicia" e que, no seu ideario, estende a varios países nórdicos.

Esa xeografía mariña está inspirada pola consigna de Otero Pedrayo, de que "debe traballarse a materia de Galicia", á que Margarita Ledo sumou a afirmación do escritor ourensán de que decidira "facerse galego". "Eu estaba estudando en Barcelona e, cando lin iso, decidín ‘facerme galega’ como algo se separa da nacencia e que se convirte nunha decisión política", apuntou este martes a premiada.

A académica recordou que en 1974 "xa lera algo de Otero Pedrayo", pero coñeceu "a carne oteriana" na inauguración dun monumento en Santiago. O intelectual xa cumprira os 86 anos, pero non gastara a súa animosidade. "O seu discurso foi unha performance, era un elemento performático, que se ía transformando a medida que falaba", remarca Margarita Ledo con ton aínda fascinado.

Margarita Ledo converteuse dende ese día á crenza "oteriana". Este martes chamou a atención sobre a casualidade de ocupar na Real Academia Galega a cadeira de Otero Pedrayo. Ela séntese respaldada polo "talismán Otero" dende que empezou a súa traxectoria creativa nos anos 70.

Despois de case que corenta anos, a corrente da cultura institucional integrouna en 2009 coa entrada na Academia. A concesión do Otero Pedrayo reforza a súa idea de que as institucións "deben ser representativas" do que acontece nun país.

Comentarios