Un libro reúne as esculturas do último proxecto de Leandro Seixas

O catálogo, que ilustra 26 traballos, foi editado polo Instituto de Estudos Chairegos
Leandro Seixas. EP
photo_camera Leandro Seixas. EP

Un libro compila un total de 26 pezas escultóricas do artista de Pígara, Leandro Seixas, 15 que están espalladas por varias cidades do mundo -en Nova Zelanda, Italia, Perú ou Francia- e once do seu último proxecto. Tamén inclúe o prólogo do crítico de arte e director da Fundació Rafael Masó, de Girona, e unha presentación da presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), Marisa Barreiro, colectivo que se encargou da edición.

Esculturas foi presentado coincidindo coa exposición que o escultor guitiricense mostrou na casa da cultura de Vilalba e na que se podían ver once das pezas que quedan agora plasmadas entre as páxinas do catálogo.

Quen o teña entre as mans, poderá ver as últimas creacións de Seixas, "as máis persoais", apunta o propio autor. "Esta é a miña obra persoal, sen estar condicionada por encargos nin por criterios externos", apunta ao tempo que explica a natureza das súas pezas.

Todas teñen como eixo común as formas xeométricas e a mármore nas súas diferentes versións: a branca de Macael, a negra de Marquina, a vermella de Novelda e a granate de Kaunas-Minervois. "En case todas as pezas mestúroas, para darlles máis expresividade ás obras", afirma, e engade que só unha das esculturas conta cun material distinto, un anaco de aceiro inoxidable que funciona como base e como espello.

Leandro Seixas atópase agora inmerso no seu obradoiro da Torre, en Vilalba, en darlle forma a metais e tratando de afastar a mármore como elemento principal, aínda que recoñece que "non é fácil". A madeira, polo momento, queda nun segundo plano por "traizoeira". "Tenme pasado que fago unha peza en Galicia e, cando chego a Madrid con ela, xa ten desaxustes. Se é en pezas rústicas, vale, pero se é para esculturas precisas xa non serve", explica con detalle o artista, aínda que confesa que "sigo tendo madeira no estudo", quizais para o futuro.

O catálogo foi distribuído aos socios do Iescha, pero aínda se pode adquirir nalgunhas librarías da capital chairega para rememorar as creacións que pasaron por Vilalba a comezos de ano.

"Sorprendeume que moitos dos que visitaron a exposición, un éxito de público pese a ser nun sitio pequeno, entenderon as esculturas. A case todos lles chegou algunha, aínda que eran non figurativas, case abstractas", asegura o artista guitiricense, a quen o Covid-19 lle deixou no aire varios encargos e algúns concursos, e que agradece "a paciencia que tivo o Iescha cun proxecto que viña de antigo, de varios anos, e que non puido ser ata fai un pouco".

Comentarios