A Illa despide a Iván Harry Otero nun funeral multitudinario e emotivo

O bateeiro faleceu cando faenaba preto de Ons o pasado martes
Enterro na Illa de Arousa
photo_camera Enterro na Illa de Arousa. G.G.

Toda A Illa de Arousa envorcouse este domingo coa familia de Iván Harry Otero, o bateeiro falecido ao envorcar a embarcación coa que faenaba preto de Ons o pasado martes tras sufrir un golpe de mar e cuxo corpo foi atopado días despois na mesma zona.

A lonxa de A Illa quedou pequena para acoller aos centenares de persoas que quixeron despedirse de Iván nunha misa de funeral moi emotiva. Tras a mesma, o irmán do mariñeiro falecido xunto a familiares e amigos portaron o féretro ata o cemiterio. A choiva non desanimou os veciños, que formaron unha gran comitiva que percorreu as rúas do pobo nun absoluto silencio, ata chegar ao camposanto onde se deu sepultura aos restos mortais do veciño da Illa.

Iván Harry Otero tiña trinta anos de idade e era pai dun bebé de poucos meses. Bateeiro, pertencía á Asociación de Mexilloeiros Insulares San Esteban e era moi coñecido na Illa de Arousa, de cuxa confraría foi patrón maior o seu pai. Gran afeccionado ao fútbol, formara parte da canteira do Céltiga e xogaba no equipo de veteranos do club. Tamén o equipo insular quixo dedicar o encontro que xogou este domingo en Portonovo á memoria do seu veciño cun minuto de silencio. Os xogadores do Céltiga luciron un brazalete negro na súa honra. 

A TRAXEDIA. O corpo sen vida de Iván Harry Otero foi localizado polo seu propio irmán o pasado venres durante o operativo de procura. O cadáver aparecía na contorna do illote O Centulo, onde días antes sufriran un golpe de mar que fixo envorcar a embarcación de nome Rosa na que faenaban ambos os irmáns e un terceiro mariñeiro tamén veciño da Illa. Estes últimos conseguiron chegar a terra e salvar a súa vida tras o sinistro.

As malas condicións meteorolóxicas rexistradas a semana pasada complicaron as tarefas de rescate nas que interviñeron varias embarcacións do servizo de Gardacostas, o helicóptero da Garda Civil Cuco e o Pesca 1 da Xunta.

Tamén participaron os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS), así como bateeiros voluntarios. Mentres, por terra, efectivos de Protección Civil de Sanxenxo, O Grove, Ribeira e Muro percorrían a costa en busca do bateeiro desaparecido.