Imprimir

Grazas, Jonathan

Alfonso Blanco |

El Progreso de Lugo | 27 de enero de 2020

Neste momento da nosa andadura preferiría estar calado, pero non, temos que berrar que segues con nós, o teu sorriso, a tua enerxía, a túa busca da igualdade e da beleza marcaron a vida da túa familia, amizades e veciñanza. Sempre deches a cara polo que considerabas digno para a vida. Venciches o silencio e a morte. Es un gran loitador e segues abrindo espazos de liberdade e de saúde entre nós. Seguimos necesitándote coma ese mestre que nos ensinaches a comunicarnos e vivir en harmonía e paz con todas as criaturas: a ximnasia rítmica, o baile, o teatro, a patinaxe, o teu entusiasmo por coñecer novos pobos e paisaxes... A túa vida é unha explosión de comunicación, sen sombras, que xa está permitíndonos sentirte con nós coma un facho aceso que nos ensina que a vida non se conta por anos, senón pola luz e a ledicia que transmitamos. Hoxe mesmo estás axudándonos a enfrontarnos a esta circunstancia coa bondade e coa arte coas que traballabas coma animador artístico coa xente á que atendías nos lugares de traballo. Grazas por este novo agasallo, outra lección e meta conquistadas coa túa coraxe: a morte non pode con tanta vida. Ti vas con nós, alumeándonos coa túa amizade e mensaxe de irmandade. Seguimos partillando as túas angueiras desde esta beira.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/opinion/alfonso-blanco/grazas-jonathan/202001271814041419806.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)