Ánxela Gracián contou este mércores en Lugo que María Victoria Moreno, a autora recoñecida este ano no Día das Letras Galegas, aprendeu galego cos estudantes do Instituto Masculino de Lugo. "Ao comezo, o teu era un galego con erros fonéticos e, ás veces, a túa colocación dos pronomes era tan estraña que facías rir a todos os alumnos", apunta en Doce cartas para María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), o libro que presentou este miércoles en Lugo.
A escritora elaborou unha biografía novelada de Moreno (Valencia de Alcántara, 1939-Pontevedra, 2005) estruturada en doce cartas que van desenvolvendo a súa vida. Recordou que a homenaxeada nas Letras non naceu en Galicia, senón en Cáceres e non chegou ao país ata 1965.
A súa porta de entrada foi unha oposición que a converte en profesora de Lingua e Literatura españolas no Instituto Masculino. Ela mesma escribe que "en Lugo se lle descubre Galicia" en todas as súas manifestacións, especialmente na cultura e na lingua a través do profesorado que coñece.
Na cidade prodúcese a transformación "dunha filla do réxime, pois o seu pai é dos vencedores, e unha boa estudante» nunha profesora «tolerada" de galego e «amiga de comunistas». Ese cambio tráelle consecuencias como «a retirada do pasaporte», aínda que a novelista asume a repercusión de defender "o que se coñecía daquela como "lingua vernácula"". "Queda en Galicia para loitar polo galego, porque non lle ve sentido a deixar que morra", apunta Gracián.
GARIMOSO. As vivencias de María Victoria Moreno son vehiculadas por Gracián a través das cartas que lle envía o lobo Garimoso. Ese animal procede do conto Mar adiante, que a autora publicou en 1973. A súa peculiaridade é que "un lobo bo" que se dedica a ler as obras da autora para comentarllas na correspondencia que lle dirixe.
A biógrafa chama a atención sobre o carácter "pioneiro" dese relato, dado que "cambia el rol dun conto clásico", algo que se estendería pola literatura infantil e xuvenil anos máis tarde.
Ánxela Gracián lamenta que a novelista recoñecida coas Letras Galegas deste ano non escribise máis libros, "pero morreu nova, aos 67 anos. Pasoulle a vida entre as tarefas da casa, e atender ao seu home, que era cego, e aos dous fillos". Conclúe que "foi unha muller do seu tempo", aínda que "defendeu o dereito da muller a conducir e a facelo ben".