A Garda Civil de Carral, en colaboración con axentes de Arteixo, Betanzos, A Coruña e Cambre, interpuxo 17 denuncias no transcurso dunha inspección para o cumprimento da normativa sanitaria do covid-19 nun establecemento do municipio de Carral.
Os feitos sucederon ao ter coñecemento os efectivos desta unidade da existencia dunha serie de vídeos nas redes sociais, mostrando o incumprimento reiterado da normativa vixente en materia sanitaria.
A Garda Civil organizou un dispositivo de inspección para constatar a posible comisión das diversas infraccións administrativas reflectidas nos vídeos.
No transcurso da inspección do pub, os efectivos actuantes comprobaron a existencia das mesmas, confeccionando un totalde 17 actas-denuncia por presuntas infraccións a distintas leis.
En concreto foron á Lei de Seguridade Cidadá, Lei de Turismo de Galicia, Lei de Saúde de Galicia, Lei do Tabaco e a Hostalaría, Lei de Protección Xeral das Persoas Consumidoras e Usuarias de Galicia, Lei de Prevención do Consumo de Bebidas Alcohólicas en menores de idade, Estatuto dos Traballadores e Normativa Sanitaria covid-19.