Opinión

O futuro industrial da Galiza, na corda frouxa

GALIZA FOI de sempre unha nación moi pouco desenvolvida industrialmente, ao contrario que as outras nacionalidades, Catalunya e Euskal Herria. Non obstante falar de Galiza como unha realidade única neste sentido non tería razón de ser, xa que mentres nas comarcas litorais o peso industrial é alto (fundamentalmente nas áreas da Coruña e Vigo), o interior segue a depender de xeito case exclusivo do medio rural. Sectores como o do automóbil (PSA Peugeot-Citröen), o téxtil (Inditex e outras moitas), a metalurxia (Alcoa, Ferroatlantica...), a madeira, a produción de enerxía, a minaría... son punteiras non só a nivel do Estado senón a nivel internacional, pero lonxe de estar consolidadas, como sempre cremos, poden correr serio perigo dependendo de certas deci sións políticas.

É o caso das industrias electrointensivas, como Alcoa en San Cibrao e A Coruña ou Ferroatlántica na Costa da Morte e Arteixo. A primeira precisa cantidades inmensas de electricidade para a obtención de aluminio por un proceso electrolítico ao que se ve sometida a alumina (óxido de aluminio) producida tamén en San Cibrao. A segunda, a menor escala, tamén precisa cantidades inxentes de enerxía eléctrica para a obtención de ferroaliaxes. Ambas as dúas están pendentes dun fío e sofren as consecuencias da dependencia política e económica de Galiza co Estado.

Porque Galiza é unha nación fortemente excedentaria en termos de enerxía eléctrica e lonxe de beneficiarnos, por evitar os custes de transporte, con tarifas máis baixas para a nosa industria e os consumidores individuais, vemos como este ano temos que pagar o prezo da factura eléctrica máis caro de todo o Estado. A decisión do Tribunal Supremo de repercutir unha serie de impostos autonómicos ‘mal’ cobrados no 2013 en todos os petos dos cidadáns galegos fará que durante doce meses teñamos que pagar máis dun euro baixo o concepto de ‘Suplemento territorial’.

Galiza produce un 33 % máis do que precisan as nosas empresas e todos/as e cada un/ha de nós, cedendo 10.500 xigawatts hora ao resto do Estado (máis ou menos o equivalente ao consumo Asturias), que supón un valor económico superior aos 500 millóns de euros. Pola contra, a maior parte das empresas que producen a enerxía eléctrica aquí (Iberdrola, Naturgy ou Endesa) tributan os seus impostos en Madrid, que depende das centrais repartidas polo resto do Estado porque practicamente non produce nada. Paradoxos que levan anos criticando os nacionalistas galegos nas diferentes institucións públicas fronte a un PP e un PSOE que se poñen de perfil por seguir pagando os favores de contratar aos seus políticos retirados nos seus consellos de administración (as chamadas portas xiratorias).

Esta semana a comarca da Mariña volvía sufrir outra xerra de auga fría coa publicación no BOE do 3 de decembro da nova poxa de interrompibilidade que empeora as condicións para a industria electrointensiva porque reduce a menos da metade a potencia interrompíbel na poxa correspondente ao primeiro semestre do 2020 e porque ademais elimina o bloque de 40 MW. Diante desta nova aldraxe o recentemente estreado deputado do BNG nas Cortes, Néstor Rego, reclamaba esta semana a aprobación urxente dun Estatuto para a industria electrointensiva para garantir unha tarifa estábel e economicamente asumíbel que permita a competitividade industrial co resto de países europeos e o mantemento dos máis de 5000 postos de traballo que están en xogo en toda Galiza.