Imprimir

Unha nena lucense de 9 anos escribe unha carta ao seu colexio preguntando por que a aislan

Miguel Olarte | 22 de septiembre de 2020

Andrea mostra a súa carta xunto á súa nai, Chus.
Andrea mostra a súa carta xunto á súa nai, Chus.

"Fixen algo mal? Pido perdón", expresa Andrea na súa misiva, dirixida ao centro e a Inspección, dado que é a única da súa clase á que separaron, por sorteo

Andrea ten 9 anos e non entende por que é a única nena da que ata agora foi a súa clase do colexio Illa Verde que non pode xogar cos seus amigos e amigas de sempre. Con algunhas leva desde a gardería. Incluso pasa nas súas casas algúns períodos, cando a súa nai ten que estar confinada por ter contacto con algún paciente con covid-19 no seu traballo como auxiliar de enfermeira na Uci do Hula. Pero non pode nin achegarse a elas no patio.

Andrea envorcou toda a súa frustración nunha carta que a súa nai, Chus Fernández, fixo chegar á dirección do seu colexio e a Inspección da Xunta, xunto co resto de documentación para conseguir que esta situación se solucione dalgún modo. De momento nin no colexio nin en Inspección de Lugo fixéronlle caso, explica, aínda que Inspección de Santiago pediulle que lle mande toda a documentación.

A nai relata como foi o proceso polo que a súa filla foi a única alumna separada do resto da clase: "Dous días antes do inicio do curso, reuníronnos aos pais e dixéronnos que para cumprir os cocientes de 25 alumnos, sobraba un. Eran 26, porque se sumaban os repetidores. Así que sen máis fixeron un sorteo, saíu Andrea e cambiárona".

Chus Fernández laméntase de que non os avisaron antes para buscar outra solución, xa que ademais ten un fillo pequeno de alto risco ao que tampouco pode levar ao colexio, ela ten risco polo seu traballo e necesita o apoio doutros pais da clase á que ía Andrea para coidar dela algúns días, polo que entende que ademais se está multiplicando o risco para os dous grupos de nenos. "¿Fixen algo mal? Pido perdón se fixen algo que non debía", pregunta Andrea aos responsables de facer as cousas ben.

A todo aquel que poida axudarme

Ola, o meu nome é Andrea, estudo no colexio Illa Verde de Lugo en 4º de primaria.

Escribo esta carta a todo aquel que poida axudarme. Díxome a miña mamá que este ano teño que separarme dos meus amigos, cos que levo desde infantil, cos que me divirto e xogo. ¿Por que me teño que separar eu soa? ¿Fixen algo mal? Pido perdón se fixen o que non debía.

Estudei moito. ¿Por que se van todos ao recreo xuntos e eu non podo achegarme a eles. Durante o confinamento púxenme moi triste porque non podía velos a eles, non podía ver á miña mamá porque traballaba no hospital, e agora, que por fín ía poder volver
xunto aos meus amigos, téñome que separar eu soa de todos, velos irse todos xuntos e eu non podo achegarme.

Pido por favor con esta carta a profesores, ao director, ao presidente da Xunta, ao presidente do Goberno, ao Rei ou a quen sexa que por favor me axuden. Prometo estudar moito, esforzarme, obedecer, ou todo o que queirades eu estou disposta a cumprilo, pero por favor, non quero irme eu soa deixando a todos os meus amigos.


Andrea
Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/lugo/fixen-algo-mal-pido-perdon/202009221210351460895.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)