Opinión

Sobre a excelencia científica

Os límites do meu corpo son os límites do meu mundo, porque nada podo pensar nin nomear sen telo antes experimentado. E é a través destas experiencias corpóreas que construímos as metáforas, os modelos, que nos serven para coñecer e comunicar as características do que conviñemos en chamar realidade, esquecendo que esas características teñen moito máis de nós mesmos do que pensamos. Sentimos nos nosos músculos o que é ir dereitos ó obxectivo, vemos cos nosos ollos se alguén vai recto, e esta experiencia cinestésica e visual subxectiva forma na nosa mente o concepto de liña recta, ó que nos aferramos como se fose algo obxectivamente descritivo do mundo, e a metáfora da rectitude invade a concepción de canto nos rodea (E. Lizcano, Metáforas que nos piensan, 2006). O mesmo sucede coa división da realidade en partículas elementais, derivada da nosa percepción fragmentada do mundo conformado por obxectos separados, non sendo esta máis que a nosa maneira de ver e sentir. E aritmeticamente contamos sobre dez porque eses son os dedos das nosas mans. En definitiva, creamos metáforas para pensar na realidade ás que lles atribuímos vida propia nun particular e obxectivo mundo das ideas, e logo chamámoslle ciencia, como bos herdeiros da "episteme" de Platón, esquecendo, como afirmaba Nietzsche, que esta é sempre humana, demasiado humana. 

Esta e outras reflexións deberían ser o punto de partida ó iniciármonos na aprendizaxe do coñecemento científico, pois antes de utilizar calquera instrumento é importante saber en que consiste para facer un uso consciente del; e cando un alumno se prepara para aprender calquera disciplina científica deberíaselle advertir: "ímosche ensinar a manipular a realidade e a coñecerte mellor a ti mesmo, nisto consiste a grandeza da ciencia. Da verdade do mundo pouco che podemos revelar"; pero raramente sucede isto e moi a miúdo, como di Umberto Galimberti, "o que move á ciencia non é a vontade de saber, senón a vontade de dominar". Será por iso que a institución académica se sitúa ben lonxe deste enfoque, adoutrinando nun cientifismo inxenuo, fonte de verdade absoluta e carente da humildade necesaria para manexar con bo criterio este importante coñecemento e poñelo ó servizo dun mundo mellor, coa plena conciencia do lugar que ocupamos nel. 

Nicholas Maxwell di que a ciencia aumenta a potencia de coñecemento e tecnoloxía da humanidade, pero debido a unha "neurose racionalista" non aumenta a súa sabedoría

Esta habitual maneira de ensinar ciencia está levando a un adestramento crecente ó servizo de intereses económicos e políticos que buscan inocular o desexo de inventar e descubrir por pura vaidade, fama e afán de lucro, actitude absolutamente perfecta para abastecer a voracidade dos mercados. E non se me ocorre outro motivo máis poderoso para que no bacharelato da nosa comunidade se institúa a excelencia unicamente na modalidade de ciencias e tecnoloxía e non na de humanidades, STEMbach (pasando xa por alto o absurdo e medieval desta división): será que só queremos tecnócratas para o sistema, pero non humanistas que o cuestionen? Parece que reflexionar, investigar e buscar solucións ós urxentes problemas políticos, sociais, ambientais e económicos ós que nos enfrontamos non acada a categoría de excelente; pero, curiosamente, si é requisito imprescindible para tal efecto saber manexar ferramentas tecnolóxicas, xa que o citado STEMbach (Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía) aparece integrado como un "eixe de actuación" dun plan progresivo de dixitalización dos centros educativos (Estratexia Galega para a Educación Dixital 2020). 

Nos tempos que corren, como di o filósofo da ciencia Nicholas Maxwell, a ciencia aumenta a potencia de coñecemento e tecnoloxía da humanidade, pero debido a unha "neurose racionalista" non aumenta a súa sabedoría. E a ciencia sen sabedoría supón, precisamente, a maior crise actual. Por iso insta de maneira urxente a liberar á ciencia e ós seus estudosos desta neurose que nos leva a parecer saber que o noso obxectivo é un mundo máis civilizado, mentres as nosas institucións están deseñadas para facer moi pouco por conseguilo.

Comentarios