Excarceran a unha muller despois de saírse co seu vehículo da vía en Mazaricos

A persoa foi atendida polos servizos sanitarios nunha ambulancia

photo_camera Ambulancia. EP

Unha muller resultou ferida a primeira hora deste domingo en Mazaricos ao saírse da vía o coche no que viaxaba. Segundo puido saber o 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Santa Comba, ao quedar atrapada no interior do turismo accidentado.

O sinistro ocorreu na AC-400, ao fío das 8:15 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do accidente.

Decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Santa Comba, do Servizo Municipal de Protección Civil de Santa Comba, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Muros e de Protección Civil de Mazaricos.

Unha vez liberada, a muller foi atendida polos servizos sanitarios nunha ambulancia.

Comentarios