O transportista sarriao ferido ao derrubarse un talude: "Escapamos de milagre"

Manuel Yáñez sufriu múltiples feridas ao caer o talude no Mazadoiro. Un remolque golpeouno, tirouno ao chan e dificultou a fuxida. "Corría máis o barro ca nós", di
Labores de limpeza dos restos do derrubamento acontecido xunto a unhas naves no Mazadoiro. VILA
photo_camera Labores de limpeza dos restos do derrubamento acontecido xunto a unhas naves no Mazadoiro. VILA

"Nunca así me vin". Con 64 anos de idade e "toda unha vida" adicado ao sector do transporte, o sarriao Manuel Yáñez ten aínda un tempo por diante para recuperarse das múltiples feridas que sufriu o pasado domingo ao ser alcanzado por un derrubamento de terra cando se atopaba xunto á nave da empresa no barrio do Mazadoiro. O susto foi enorme, pero dentro da desgraza aínda o acompañou a sorte porque "escapar, escapamos de milagre", di.

Segundo relata dende a súa vivenda, no momento do suceso atopábase no lugar xunto a seu sobriño e un operario que estaba retirando cunha máquina os restos dun pequeno derrubamento que se producira pouco antes.

De súbito, o talude veuse abaixo, sen darlles marxe de reacción. "Non nos deu tempo, sentimos un estrondo e apañounos. Corría máis o barro ca nós", explica o empresario. Tanto el coma seu sobriño botaron a correr, con tan mala fortuna que o lodo desprazou un semirremolque frigorífico e este, á súa vez, golpeou a Manuel Yáñez causando a súa caída.

"Ao lanzarme o frigorífico ao chan había uns bloques da parede e fun de cabeza contra eles. Levei un golpe moi forte, pero non perdín o coñecemento", sinala o empresario, quen cre que se non fose por esa caída, posiblemente sairía ileso como seu sobriño.

As persoas que o acompañaban levaron tamén un tremendo susto. O transportista sangraba pola fronte e polo nariz "coma un rancho", estaba cheo de barro e presentaba unha ferida no xeonllo "co óso ao aire". A Policía Local desprazada ao lugar chamou á ambulancia e, ao comunicarlle que estaba saíndo de Lugo, decidiuse achegar ao ferido ata o centro de saúde no maleteiro dun coche, "que era máis cómodo porque a perna non podía dobrala".

Dende alí foi derivado ao Hula, onde pasou toda a tarde ata poder voltar á casa pola noite tras someterse a varias probas. Na súa vivenda recupérase agora dunhas feridas polas que terá que ir con frecuencia ao ambulatorio facer as curas. Sofre rotura do tabique nasal, escordadura de nocello e ferida no xeonllo, que lle impide poñerse de pé. Persoa que sempre gozou de boa saúde, Manuel Yáñez afronta a convalecencia co ánimo de poder repoñerse canto antes tras lograr escapar de "milagre".

Realizan labores de limpeza no terreo
Os restos do derrubamento foron retirados onte nunhas tarefas nas que participaron varios camións, seguidas da limpeza do terreo, no que se acumulaba o lodo.

Intensas chuvias. Como causa do suceso, o transportista ten clara cal é a explicación: "Moita auga". O talude estaba aí dende había uns "50 anos" e nalgún momento puido caer algunha pedra, pero nunca antes se producira nada semellante ao acontecido o domingo.

Danos en vehículos. A gran cantidade de terra derrubada danou dous semirremolques da empresa de transportes, outro vehículo da mesma propiedade e unha furgoneta da firma encargada do servizo de limpeza e recollida de lixo en Sarria, a cal estaba aparcada na beirarrúa da estrada LU-546, o que dá idea do lonxe que chegaron os efectos do desprendemento. Agora estúdanse as fórmulas para afianzar o terreo.

Comentarios