Novas cores na paisaxe vilalbesa

Un mural de Iria Fafián na piscina é o primeiro dun plan de urbanismo para renovar fachadas ► O Concello proxecta facer unha ruta artística polo casco urbano centrada en poetas locais
Mural de Iria Fafián na fachada da piscina municipal vilalbesa. M.ROCA
photo_camera Mural de Iria Fafián na fachada da piscina municipal vilalbesa. M.ROCA

Unha vexetación exhuberante ábrese paso de súpeto no medio de castiñeiros, abetos ou carballos, entre outros, que copan a superficie da área recreativa da Magdalena de Vilalba. Non é un espellismo, aínda que tampouco é de todo real, senón tan só un anaco de arte que se integra como quen non quere a cousa entre a natureza cotiá, convidando a achegarse para contemplalo e darse conta de que a arte urbana harmonizou un espazo, a piscina municipal, para integralo na paisaxe.

A artista de orixe catalán pero afincada en Galicia Iria Fafián foi a autora deste mural, o primeiro dun plan de urbanismo promovido polo Concello a través do que pretende renovar fachadas para mudar a paisaxe e "que Vilalba dea un paso adiante na súa modernización e pulo das diferentes expresións artísticas", tal e como explicaron desde o goberno local.

O deseño da obra partiu da propia muralista, con motivos cos que está a traballar ultimamente: vexetación exhuberante e planos de profundidade nos que normalmente aparece algunha personaxe. "A primeira proposta incluía un busto entre a vexetación. Persoalmente, a min gustábame que tivera esa presenza, dáballe interese á escena xa que non estaba no primeiro plano, senón que se agochaba entre a vexetación mentres camiñaba pensativa", explicou Iria Fafián.

Así, o boceto final resultou unha representación da natureza onde a artista aporta "a miña visión da mesma, fuxindo do realismo e centrándome nas formas e patróns que podemos ver nun bosque, como se mesturan as verticais das árbores coas formas orgánicas e como a luz dá vida ás cores".

"Os espazos municipais para facer murais son bastante escasos"

Pese a que a execución do traballo durou "máis do que tiña en mente" debido ás malas condicións meteorolóxicas - "pintar en xaneiro en Galicia é complicado", apunta-, Iria Fafián recoñece que foi un traballo moi enriquecedor.

"Son moi crítica co meu traballo e rara vez quedo cen por cen satisfeita. Sempre vexo cousas que cambiar e así podería estar toda a vida, entón hai que saber cando aturar e dalo por finalizado. Neste caso, gocei moito pintando con pincel, algo que estou empezando a facer cada vez máis para substituir o spray. E en cada proxecto de muralismo aprendo algo novo, dende cousas propias do oficio de pintar paredes e do oficio da creación artística ata o trato cos clientes. Penso que iso é moi positivo", apuntou a artista, que proximamente fará unha segunda intervención mural no centro penitenciario da Lama.

FUTUROS PROXECTOS. O mural de Fafián na fachada da piscina é só o primeiro dunha serie de obras que o Concello quere dedicar a poetas vilalbeses, para o cal xa se traballa buscando espazos, aínda que con algún problema. "Os espazos municipais para facer murais son bastante escasos, aínda que teriamos algún como o lateral da praza de abastos, polo que se poderían buscar laterais de edificios, entre os que habería que ir aos que máis ou menos se adecúen ao muralismo e logo tería que dar a aprobación a comunidade de propietarios", explicou Luis Fernández, edil de urbanismo.

Así, a idea é facer "como unha ruta cultural e non só muralista de poetas vilalbeses", con cinco ou seis protagonistas, para "ir humanizando o casco urbano".

Comentarios