Guitiriz

Festival de Pardiñas: corenta candeas á troula e á amizade

Xermolos conmemorou a cuadraxésima edición deste popular evento cun concerto único que uniu a artistas de distintas épocas. Ademais, unha de Ramón Villar e o digipack dun espectáculo que "non se pode facer con diñeiro" lembran este aniversario XL
Concerto Cantando as Corenta. X.PONTE
photo_camera Concerto Cantando as Corenta. X.PONTE

Na soidá da Terra Chá
xermola unha xuventude
que se abre cara ao mañá
con ansias de plenitude

Con estes versos de Manuel María comeza e remata o Himno de Xermolos que a coral que leva o nome da entidade e a banda Pardiñazo interpretaron dentro das conmemoracións do XL Festival de Pardiñas.

Porque aquela asociación que daba os seus primeiros pasos convidando a ir merendar a Pardiñas, encargouse de ir regando sabiamente ese xermolo que era a Feira e Festa da Música e da Arte ata lograr facelo medrar vizoso, converténdoo nun dos referentes musicais, culturais e sociais de Galicia. E sen perder nunca de vista o espírito da semente inicial.

"Non se pode facer con diñeiro, só cos alicerces e os fíos da amizade", dicía Xurxo Souto para explicar como moitos dos que algún día pasaron por Pardiñas quixeron volver subir ao escenario nun concerto conxunto, Cantando as Corenta, que marca un antes e un despois non só na historia do festival, senón da música galega.

E esa "amizade infinita, o tesouro maior de Pardiñas" ao que Souto facía referencia non só estivo presente nesas tres horas de recital, senón nas dúas xornadas íntegras do festival e mesmo na véspera, nese Dálle ao Cante que invade as rúas da vila, de Guitiriz, dese espírito pardiñento que bebe das augas milagreiras dun balneario dunha pequena aldea.

Alí, para a perpetuidade, recibe xa aos festivaleiros a peza conmemorativa de Ramón Villar, a lembranza máis palpable, xunto aos CD e DVD do concerto, dun aniversario que deixou moitos oturos momentos para o recordo, coma ese pregón coral que finalizaba co Carro de Manuel María, enriba e ao pé do escenario. O preludio perfecto para a entrega de premios das voces do futuro, deses pequenos creadores que levan 40 anos ilusionándose con subir ao palco do festival a recoller un premio.

"A xente é quen fai posible Pardiñas", non se cansa de repetir Alfonso Blanco. A suma dos esforzos de milleiros de festivaleiros anónimos, de centos de artesáns, de deportistas, de músicos... que agardan 363 días a que chegue a primeira fin de semana de agosto para berrar ben alto, ben forte: "Ai, Pardiñas, dasme a vida!". 

Cantando as corenta (1980-2019)
O dobre CD e o DVD que recolle o concerto Cantando as Corenta do XL Festival de Pardiñas xa está a venda por 20 euros. Pódese atopar en Casa Gaibor, en Foto Suso, na floristería Teixido, no Soa, no Xoldra e na librería Castaño de Guitiriz, así coa na Tradescola en Lugo e na Cova Céltica da Coruña.

Comentarios