Opinión

Os corazóns das tebras

Les e non cres que, na ferida sempre aberta de Afganistán, os talibáns cos seus dogmas terribles puxeron días pasados unha bomba nunha maternidade de Kabul. A bomba estoupou matando aos “inimigos”: bebés, madres, médicos. Hai credos onde o primeiro mandamento é a maldade con rostro humano. O mandato “¡Non matarás!” quedou asolagado ao longo da historia por infinita sangue e violencia. Pero o que pasa nese país do fin do mundo interesa pouco. Porque un aterrador virus ameaza a vida e a facenda de tantos países no mundo, mesmo os ricos e poderosos. 

Les e non crees que Siria entrou no décimo ano de carnicería onde os civís, como en todas as guerras poñen mortos, intemperie, casas rebentadas. E os mocos dos nenos mortos de frío e de medo nos campos de reguxiados turcos e gregos. Non van poder ir máis aló mentres o seu país está a ser arrasado con danos nas infraestruturas de medio billón de euros que ninguén vai aportar. A fin de contas nese escenario desolado os sirios son figurantes dun xogo onde participan as grandes potencias.

Les e non cres que na Franxa de Gaza sobreviven 2.000.000 de seres humanos en 365 km/2. Nin Deus, nin Iahvé, nin Alá saberían explicar cómo. Tampouco o sabemos nós cando nos percatamos de que un dos nosos concellos, o de Fonsagrada ten unha extensión maior: 438,45 qm/2 e unha poboación infinitamente menor: apenas 3.465 habitantes que disminúen cada ano. Para vergonza do estado xudeu, Gaza éche un gueto.

Les e non cres o martirio dos rohinyás musulmáns tras a limpeza étnica birmana de 2017-2018, pola policía e a maioría budista birmana. Xusto cando está no poder en Myanmar a señora Aung San Suu Kyi, Nobel da Paz “pola súa loita non violenta pola democracia e os dereitos humanos”. Do millón de habitantes desta etnia que vivían en Birmania antes de 2017, apenas quedan 300.000. O resto deambula camiño de ningures. Xentiña invisibilizada que a ninguén importa.

A pouco que repasemos o mapa da dor, da fame, da violencia e da inxusticia no planeta humano vemos máis corazóns xeográficos onde laten as tebras.
Joseph Conrad vai ter que cambiar o título do seu libro “El corazón de las Tinieblas”, onde a civilizada Bélxica saqueou o Congo. Daquela, finca particular de Leopoldo II. O sadismo, a cobiza e a brutalidade en traxe de gala dese rei infame, foi responsable do asasinato de entre 10 e 15 millóns de congoleños. É, con Hitler e Stalin, un dos maiores criminais e xenocidas na sanguenta historia humana. Sucedeu hai apenas un século e iso explica a historia actual do inmenso e atrasado país. Antes e agora, as súas xigantescas reservas de materias primas importan máis que a xente.
Sí, Joseph Conrad vai ter que cambiar o título da súa novela. A que se está a escribir agora, titúlase ‘Os corazóns das tebras’.

Comentarios