"Un conto ben contado gústalle a todo o mundo porque conecta cos sentimentos"

Cris de Caldas é unha das organizadoras da segunda edición do Encontro de Narración Oral Galega, que se desenvolve esta fin de semana en Mondoñedo
aaaaa
photo_camera Cris de Caldas. AMA

O Colectivo de Narración Oral Galega, Noga, volve a Mondoñedo para celebrar a segunda edición dun encontro ao que este ano está prevista a asistencia dunhas 40 persoas de distintos eidos da cultura e o ensino e chegados de distintos puntos de Galicia. Cris de Caldas, xunto a Caxoto, Ángeles Goás, Carmen Conde, Vero Rilo, Marta Ortiz e Brais das Hortas organiza esta actividade que se celebra durante esta fin de semana e que inclúe actividades para o público xeral.

Esta é a segunda edición do encontro de narración oral e a segunda vez en Mondoñedo.
Si, dende o principio o Concello puxo á nosa disposición toda a axuda posible e estamos moi agradecidos por iso. Por exemplo, danos a pernoita gratuita e este ano tamén nos ofrece uns pinchos e son cousas que se agradecen. Ademais Mondoñedo é a cidade de Álvaro Cunqueiro, que é un referente da narración oral. Case todos contamos algún conto de Cunqueiro.

Que actividades conforman este encontro?
Este venres temos unha gala, ás nove da noite no auditorio, que está aberta a todo o público. O sábado son as sesións formativas para a xente inscrita e tamén é a xuntanza do colectivo. E o domingo tamén temos unha actividade aberta ao público: o roteiro familiar ‘Aquí contamos’.

Que novidades presenta con respecto á primeira edición?
Este ano incluimos a formación, polo que tamén se abriu o abano de xente que se inscribiu con persoal de bibliotecas ou do ensino, por exemplo. Teremos un obradoiro de voz que ofrecerá Faia Díaz, outro de igualdade e diversidade con Eva Mejuto e outro no que Pablo Meira nos falará do cambio climático. Tamén estará Comba Campoy para abordar a violencia nos títeres. Son temas comúns con outros profesionais non vencellados directamente coa narración oral e por iso se abríu o abano de perfís que asisten. Este ano ademais tamén organizamos nós o roteiro, porque o ano pasado agasalláronnos cun a cargo de Antonio Reigosa e Xulio, un veciño que sabe moitas cousas de Mondoñedo, e este ano seremos nós os que o fagamos con paradas en determinados puntos da cidade para contar contos.

É este un encontro con continuidade no tempo?
A nosa intención é que así sexa porque ademais estamos moi contentos coa boa acollida que está tendo. Este ano contamos cun maior número de inscritos e para a gala xa temos reservas de xente de diferentes puntos. Isto demostra que hai moito interés polo conto.

A narración oral conta logo con boa saúde en Galicia.
Si, o conto en Galicia está moi vivo.

Que ten o conto para enganchar tanto?
Emoción. O conto é unha actividade que acompaña ao ser humano dende que é ser humano. Está presente nas nosas vidas en moitos ámbitos e ademais entronca co mundo da fantasía e da imaxinación. Un conto ben contado gústalle a todo o mundo porque conecta coa emoción e cos sentimentos.

Comentarios