Confinamento no belén

O nacemento reivindicativo de Momán céntrase este ano en reflectir a crise do coronavirus, con distancias de seguridade e máscaras. O pesebre ten un peche perimetral, os pastores non poden ir en grupos de máis de seis e os Reis Magos terán que facer unha PCR
Belén de Momán, inspirado na pandemia do coronavirus. C.PÉREZ
photo_camera Belén de Momán, inspirado na pandemia do coronavirus. C.PÉREZ

O belén da capela de Santo Antón, na parroquia xermadesa de Momán, leva anos sen deixar a ninguén indiferente. A actualidade política e social serven de inspiración para un nacemento que presume de ser reivindicativo e no que tiveron cabida dende a crise dos refuxiados ata Donald Trump convertido en Herodes, pasando pola violencia de xénero ou os desafiuzamentos.

Belén de Momán, inspirado na pandemia do coronavirus. C.PÉREZE neste Nadal, se hai un tema que tiña que estar si ou si, ese é o coronavirus. Nin o portal de belén puido evitar a pandemia mundial e as normas que esta trouxo consigo. Así que á hora de montar o nacemento, unha responsabilidade que este ano recaeu nas familias dos nenos e das nenas que acoden á catequese, aplicouse o protocolo covid, tal e como precisa o párroco Luis Ángel Rodríguez Patiño.

San Xosé, a Virxe e o Neno poden estar xuntos no pesebre, xa que son convivintes, pero deben facer fronte ao peche perimetral do portal. Ao redor deste hai un cordón de seguridade e as visitas non poden achegarse a menos de dous metros do berce. Por suposto, o aforo de toda a instalación en ningún caso poderá exceder do 50%, aínda que se flexibiliza a norma para os animais: ovellas, cabras, patos ou porquiños non suman. Ás tendas permíteselles abrir, pero con límite de acceso, e as tabernas están pechadas ou deben respectar o toque de queda, fixado ás dez da noite.

Belén de Momán, inspirado na pandemia do coronavirus. C.PÉREZOs pastores poden circular, pero nunca en grupos de máis de seis e mantendo as distancias de seguridade. Máis estritas son as medidas para os Reis Magos, que só poderán ir ao portal se gardan corentena preventiva e se someten á proba PCR, coma calquera outro viaxeiro. Ademais, terán que deixar os camelos na última poboación confinada pola que pasen.

Mais se hai alguén para o que este Nadal será especialmente difícil é para outras populares figuras, de todos coñecidas e queridas, coma o cagón, as lavandeiras, o panadeiro, os romanos de Herodes... En Momán entenden que non se trata de persoal esencial dun nacemento, polo que, aínda que o lamentan profundamente, non os deixarán participar. E seguindo un criterio de seguridade, tampouco poderá estar presente o anxo, por se revolotea e iso xera un efecto aerosol.

Malia a todos estes atrancos, un belén sempre ten un oco para a esperanza. Os políticos corruptos están no cárcere, hai agradecementos ao labor dos sanitarios e nin as máscaras nin a distancia de seguridade poden acabar co que este representa, a ilusión do Nadal.

Belén de Momán, inspirado na pandemia do coronavirus. C.PÉREZ

Comentarios