Imprimir

Condutores de primeira aos 90 anos

El Progreso de Lugo | 12 de Septiembre de 2018

Jesús Pernas é un dos condutores chairegos con máis de 90 anos. CRISTINA ARIAS
Jesús Pernas é un dos condutores chairegos con máis de 90 anos. CRISTINA ARIAS

Non hai idade para sentarse detrás do volante e guiar un coche en España. Segundo os últimos datos da DGT hai varias decenas de nonaxenarios na provincia co carné vixente -o maior cumpre este mes 99 anos-. Algúns chairegos contan a súa experiencia

O TEMPO DA L quédalles a anos luz, suman décadas detrás do volante e seguen renovando o carné cada vez que pasan polo psicotécnico pese a superar a barreira dos 90 anos. En España non hai ningún obstáculo legal para que un nonaxenario conduza, iso si, a revisión periódica do permiso deixa de ser cada dez anos a partir dos 65 para ser obrigatoria cada cinco, unha cifra que se reduce a cada dous ou a ano a ano dependendo da idade do piloto e do criterio médico -o regulamento prevé excepcións por un catálogo de enfermidades e os médicos poden aplicar restricións sobre o radio de acción, as horas para evitar a noite ou o tipo de vía-.

 

 

Segundo os últimos datos da DGT, na provincia de Lugo hai 12.317 titulares de permiso de conducir con máis de 74 anos. O maior naceu en setembro de 1919 -para acelerar os cálculos mentais, cumpre 99 anos- e son un total de 73 os que superan os 92. En concreto, hai cinco lucenses de 97 anos con carné, outros cinco con 96, nove pilotos que xa sopraron ou soprarán en breve 95 candeas, vinte con 94 anos e 33 con 93. Algúns dos veteranos son caras coñecidas da Chaira.

 

JESÚS PERNAS. 96 ANOS. Sacou o carné en 1964. De Goiriz, Vilalba

"O que sempre me gustou máis a min foi conducir e bailar"

Jesús Pernas, de Vilalba, conduce aos 96 anos. CRISTINA ARIAS

 

 

Xa sabía conducir «de antes» pero sacou "o carné especial" en 1964, con 42, porque "era industrial" e necesitábao para o seu negocio -foi zapateiro e abriu un bar en Goiriz, rexentado hoxe polos seus netos, a terceira xeración-.

 

 

"Non quería moto, nunca me gustou, o que tiña era bicicleta", explica este veciño de Goiriz, en Vilalba, que recorda que o seu primeiro vehículo foi unha furgoneta nova, "unha Citroen 2CV". Despois chegaron outras dúas, o primeiro coche -un Dyane 6- e o que ten hoxe, un AX.

 

Non usa gafas -"nin para ler nin para nada", asegura- e renováronlle o carné hai catro anos para cinco. Tócalle a revisión o ano que vén. "Non hai nervios de nada, se me sae, ben, e se non, mala sorte", explica un condutor que non lle ten medo á cidade, que suma incontables quilómetros e que sigue collendo o coche a diario. "Sen el non vivo", di.

 

Gústalle viaxar a distintos lugares -asegura que coñece toda España, Portugal e Andorra en coche-e na comarca aproveita para ir "aos bailes e a onde sexa". "A min o que sempre me gustou máis foi conducir e bailar", apunta, ao tempo que destaca que nunca tivo accidentes nin multas. "Fíxome ben no regulamento e en canto me guste e poida seguirei conducindo", conclúe.

 

 

RAMÓN FERNÁNDEZ. 96 ANOS. Sacou o carné aos 23. De Vilalba

 

 

"Saquei o carné en África e ensinei a moitos a conducir no Exército"

Ramón Fernández, de Vilalba, conduce aos 96. CRISTINA ARIAS

 

Coétaneo de Jesús e en moitas ocasións compañeiros nos bailes, este vilalbés leva máis de 70 anos detrás do volante. Sacou o carné en África, onde pasou catro anos no servizo militar. "Saquei o especial, de moto, coche e camión. Xa sabía conducir, as prácticas levábaas feitas, e fun monitor de conducir no Exército. Ensinei a moitos. Algúns eran torpes e outros bos, había que pelexar con eles", rememora mentres fala de longas horas na estrada percorrendo España co coche, levando madeira en camión a Valencia ou conducindo autocares á praia cando o chamaban porque non había choferes. "De quilómetros sei", di.

 

O seu primeiro coche foi un Fiat «de morro baixo» e o segundo, un Seat 600. Dende hai algo máis de 20 anos conduce un 406 -foi un dos fundadores da actual Peugeot de Vilalba- e asegura que de conducir, gústalle "todo".

 

"Vou a Lugo, A Coruña e Ferrol, vou tranquilo, se non saio por un lado saio polo outro e nas rotondas se me paso e teño que dar outra volta non pasa nada", di unha cara coñecida en Vilalba -leva 18 anos sendo o participante de máis idade na Festa da Bicicleta-.

 

"Nunca me multaron e accidentes tampouco tiven, co coche parado si, que coa porta no taller case perdo un ollo", di, pero asegura que ten o 100% da vista e renóvanlle o carné cada ano. "Agora teño que volver pero non teño ningunha enfermidade nin tomo nada. Cando vexa que estou mal déixoo, pero se non, non", di, mentres conta o segredo da lonxevidade: "Non comer graxa, é o único".

 

 

NIEVES MARÍA JOSEFA VÁZQUEZ. 93 ANOS. Sacou o carné con 69 anos. De Rioaveso, Cospeito

 

 

"Cando agarro o volante teño 20 anos e se me falta o coche non son eu"

Nieves María Josefa Vázquez, de Cospeito, conduce aos 94 anos. CRISTINA ARIAS

 

Cumpre en outubro 94 anos, pronto terá que volver ao psicotécnico -a última vez renováronlle por dous anos- e asegura que non sabería vivir sen o coche. "Se me falta non son eu mesma, estou acostumada á independencia", asegura unha muller que sacou dúas veces o carné.

 

"Enfermou o meu marido e forzoso tiven que ir a practicar", di. Era o ano 1965 e estaba en Ciudad de la Plata, en Argentina. "É máis fácil conducir alí, chámanlle a cidade das diagonais, son todo liñas", di cun sorriso. Un ano despois trasladáronse ao seu Cospeito natal e tivo que renovar o permiso con 70 anos. "A teoría valía pero a práctica tiven que repetila en Vilalba", explica. Un mes despois xa estaba conducindo de novo.

 

"Sustos sempre tes algún se andas por aí tal e como está o tráfico, pero por imprudencias miñas non. Ando despacio, como moito a 90 para ir a Vilalba -vai á compra ou a cursos de informática- e viaxes longos xa non fago", di unha muller que defende que o carné debería ser algo obrigatorio no sistema de ensinanza.

 

"Conducir é prudencia e ter boa vista. Cando me sento no coche e a agarro o volante teño 20 anos, o que mellor teño é a cabeza", di.

 

 

CELESTINO LEDO. 90 ANOS. Sacou o carné con máis de 40. De Candamil, Xermade

 

 

"Vou a pasiño normal, respectando os sinais e sen entorpecer o tráfico"

 

Celestino Ledo, de Candamil, en Xermade, continúa detrás do volante aos 90 anos. CRISTINA ARIAS

Cumpre 91 anos o próximo mes de outubro e recoñece que pasa o psicotécnico sen problemas ano a ano -só estivo un par de meses sen carné depois de operarse dunha catarata- e que colle o coche, o mesmo de sempre, case a diario.

 

"Debín de facer un mes de prácticas en Vilalba e despois o percorrido xa en Lugo", rememora este piloto de Candamil.

 

O seu co coche foi por necesidade. "Tiña o carné de moto había moito tempo pero facíame falta o coche, andaba traballando na madeira e había que levar a ferramenta", explica.

 

Leva 43 anos detrás do mesmo volante -tamén conduce o tractor- e asegura que nunca tivo un accidente, só algún pinchazo, pero nada que non se amañara pronto no taller.

 

"De momento eu vou a pasiño normal, respectando os sinais. Non coma outros, sempre en segunda e entorpecendo o tráfico", di un home que ten como percorrido habitual Candamil-Vilalba para "ir á compra, aos médicos, buscar menciñas ou tomar algo".

 

"Os reflexos van ben e a vista, tamén. A idea é seguir conducindo se podo. O que si que me pon un pouco nervioso é o de guiar nos chismes aqueles -os simuladores do psicotécnico- pero fíxeno a última vez e espero facelo de novo", asegura, mentres a súa muller, a copiloto habitual, confirma que sempre conduciu ben.

 

 

UXÍO GARCÍA AMOR. 89 ANOS. Sacou o carné aos 42. De Trabada, cura de Vilalba

 

 

"Fago menos quilómetros pero o coche segue a ser indispensable"

O párroco Uxío García Amor está a piques de cumprir 90 anos. CRISTINA ARIAS

 

Empezou coa bicicleta, sacou o carné de moto en 1958 e o do coche en 1971. "Estaba en Mondoñedo daquela, facíanse as prácticas alí e o exame en Foz", rememora Uxío. "Dende que fun cura empecei a traballar nas parroquias de Trabada e ao principio ía en bicicleta ou en moto -tivo unha Vespa Lambretta- pero para os días que tiña que conducir de noite ou con chuvia era necesario o coche", di.

 

Estivo en Ferrol, nas Pontes e leva moitos anos en Vilalba. "Xa van un montón de quilómetros", di o párroco, que asegura que lle gusta conducir "sobre todo levando a radio funcionando, que non impide a atención", comenta. E recorda outros tempos nos que nas vacacións facía viaxes longas, ata Madrid e outros lugares para coñecer España. "Agora fago percorridos máis curtos, antes era delegado do clero e rodaba moitos quilométros", engade.

 

Na actualidade é o responsable das parroquias de Noche, Boizán e Ladra -dá misas todos os domingos e algún día por semana-. "O coche segue a ser indispensable para o traballo diario. De momento conduzo sen problema, o único que teño que intentar é non collelo de noite, que a estrada é máis complicada", explica.

 

Tócalle renovar o carné nuns meses -a última vez foi en xuño de 2017- e afróntao con calma. "É unha cousa puramente técnica", di, mentres indica que o 7 de novembro cambiará de década ao cumprir 90 anos.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /gl/articulo/a-chaira/condutores-primeira-aos-90-anos/201809121443591333053.html


© 2018 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)