Imprimir

Sober busca unha antiga vila romana en Proendos

Delegación | 22 de octubre de 2019

Inicio dos traballos de prospección en Proendos, en Sober. EP
Inicio dos traballos de prospección en Proendos, en Sober. EP
O alcalde contratou unha empresa especializada en arqueoloxía para analizar o subsolo

O Concello de Sober comezou este luns uns traballos de prospección na parroquia de Proendos, nas proximidades da súa igrexa, na procura dunha antiga vila romana. A empresa encargada dos labores é Estela Arqueoloxía e Patrimonio, que se dedicou a probar dúas técnicas para elixir a que mellor se adapta aos traballos.

Probaron un xeorradar e tamén un gradiómetro para decidir cal das dúas técnicas mide mellor o substrato sobre o que farán a intervención.

Grazas a estes aparellos que emiten pulsos e fan comparativas co terreo poden obter información sobre o que hai no subsolo, fosas ou restos. É un traballo previo á escavación arqueolóxica, que se levará a cabo nunha segunda fase.

Os actuais labores, que se prolongarán durante toda a semana, permitirán saber por onde van os muros e os restos que quedaron baixo a terra para poder cartografialos e facer mapas de localización.

Numerosos veciños teñen nas súas casas algún resto arqueolóxico de orixe castrexa, romana ou do medievo

Proendos é unha zona de especial valor arqueolóxico na que xa foi documentado un xacemento e unha tumba do alto medievo. Fran Alonso, director da prospección que acaba de comezar , explicou que os labores se levarán a cabo nunha área dunhas cinco hectáreas partindo da contorna da igrexa parroquial de Santa María, de orixe románica. Suponse que nesta zona pode estar concentrada a maior parte dos restos da antiga poboación.

E é que en Proendos son numerosos os veciños que teñen nas súas casas algún resto arqueolóxico de orixe castrexa, romana ou do medievo, que foron descubrindo mentres araban as terras da súa propiedade. Por eles pénsase que alí está a Proencia que relatan os historiadores romanos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/ribeira-sacra/concello-busca-antiga-vila-romana-proendos/201910221207291403230.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)