Opinión

Comprei un fío verde

LEVO DOUS días camiñando por Lugo todo o recto que dou. Ando habitualmente agachado, pero non se debe a que a vida me anuncie as últimas voltas do camiño. Corrixo dende novo un lombo corcovado, chepudo e acomodaticio. De cando en vez, detéñome na rúa e doulle un latigazo para estaricalo. Lara Méndez advertiunos de que "Europa ten a súa ollada posta en Lugo porque somos un exemplo o deseño de proxectos de cidades sostibles". Meteume temor e responsabilidade. Unicamente son un dos 99.638 cidadáns de Lugo, pero comprendín que debo contribuír á imaxe da cidade. Tiña un peto da zamarra verde un pouco solto. Comprei un fío de cor céspede para coselo. De camiño á mercería Lis, co lombo estaricado, tratei de saber como nos ve Europa. Non me refiro a que opinión ten sobre nós, que xa nos dixo a alcaldesa que saben que somos unha cidade que se peitea e se bota colonia. Falo de como nos vixía Europa. Usa un dron furtivo para mirarnos? A súa ollada é, tal vez, como a de Deus na Biblia: "Os ollos de Jehová contemplan a Terra toda para corroborar os que teñen un corazón perfecto para con el".

Nunca sabes onde vas atopar a maior esixencia formal. A última asemblea do Club Fluvial foi un modelo de rigor. Pensaba eu que non había fazaña maior que entrar na discoteca Valentino dos anos 90 con calcetíns brancos, pero na xuntanza da sociedade deportiva houbo dúas persoas que non puideron pasar por non ser socios titulares pese a levar poderes notariais e unha parella azul da policía local. Esta seriedade dáme un recendo a colonia europea que me encanta. Volvín á casa co meu fío verde no peto. Clausurei portas e ventás temendo a furia do Hortensia. O seu paso foi atenuado. Na cama pechei os ollos lendo a Huidobro: "La lluvia aguzada comienza a coser la noche".

Comentarios