Coira: "Ía facer compra e souben que 'Hierro' gañara dous Ondas"

O rabadense é o director da serie que levou os galardóns a mellor serie e a mellor actriz protagonista, polo traballo de Candela Peña
Jorge Coira. EP
photo_camera Jorge Coira. PEPE FERRÍN

 Unha parte do equipo de Hierro estaba nun coche por Santiago cando anunciaron os premios que concede Radio Barcelona, da Cadena Ser. "Ía de compras con Ara cando escoitamos na radio do coche que a serie gañara dous Ondas", detalla o director da serie, Jorge Coira (Rábade, 1971). Ara é a guionista Araceli Gonda, outro fundamento da serie xunto con Pepe Coira (Rábade, 1963).

A radio argumentou que os galardóns consideraban Hierro como mellor serie española por ser "un espectáculo y un drama, que funciona como un thriller y como un poema de la tierra y del mar". Dicía tamén o xurado que a protagonista, Candela Peña, leva o premio á mellor interpretación porque imprime á xuíza Candela Montes "intuición, determinación, fortaleza y personalidad".

Na primeira tempada, Candela Montes fora enviada a El Hierro como castigo polo seu comportamento heterodoxo. Nada máis chegar á illa, ten que instruír un caso complicado: aparece asasinado Fran, un mozo ferreiro, o mesmo día no que ía casar coa filla de Díaz, un escuro empresario que logo se convirte no principal sospeitoso do crime.

O recoñecemento do Ondas pode impulsar a segunda parte da serie, que volverá ser producida por Movistar e Arte.

Os irmáns Coira están traballando para producir seis capítulos novos. "Repetimos a maior parte do equipo na medida do posible, tanto porque estean libres de traballo como porque non morreran na primeira parte", apunta o realizador. "A xuíza vai ter un novo caso, pero non se repite a estrutura", anota, sen insinuar nada máis que "tendo un personaxe vinculado ao narcotráfico poden aparecer outras cousas".

De calquera xeito, Jorge Coira expresa con firmeza que "non podemos traizoar unha illa tranquila como El Hierro, ten que ter lóxica porque non pode ser un sitio onde de súpeto empecen a matar moita xente".

O director regresou a El Hierro a semana pasada. O recibimento é agradecido, ben diferente con respecto da primeira vez. "Había moito ruxe ruxe sen sentido".

Os veciños estaban indignados co trato que deron os medios de comunicación a un volcán que apareceu na illa, que relacionaban coa diáspora da metade da poboación nestes anos nos que a crise económica azoutou con forza. Ao primeiro confudiron o equipo de Hierro, co dunha televisión estatal que pretendía contar esa marcha de rapaces.

"A serie gustou na illa", di Jorge Coira, quen indica que xerou "un certo desenvolvemento económico" a través do turismo. Hai manifestacións como as rutas que visitan as localizacións de Hierro.

"O panadeiro que sae na serie vende moito máis pan que antes e vai a xente facerse fotos no seu negocio", sinala o realizador a xeito de curiosidade. Como mostra dese efecto, o Concello de Valverde vai entregarlles un premio pola súa colaboración co turismo local.

Os plans de Jorge Coira para onte non cambiaron. Convidara un amigo, o director Eloy Domínguez, a cear e ver unha película na súa casa. Ten un proxector e unha pantalla. Pasaron Unha historia sueca de amor (1970), de Roy Andersson, sobre o amor entre dous rapaces que teñen catorce anos, esa idade na que Jorge Coira soñaba con ser director de cine e realizar películas que se pasasen nas salas de cinemas. Daquela nin se fantaseaba con plataformas.

Comentarios