Cereixas e moras nos bosques do Life

As plantacións que o Concello e a USC fixeron arredor do humidal das Gándaras, entre polígonos, é de momento a parte máis visible do proxecto Life Lugo+Biodinámico

Cereixas nos bosques do Life. EP
photo_camera Cereixas nos bosques do Life. EP

NA CONTORNA do humidal das Gándaras, situado entre os polígonos do Ceao e das Gándaras e onde nacen algunhas das fontes que dán auga ao río Rato, o Concello e a Escola Politécnica de Lugo plantaron hai pouco máis de dous anos uns 15.000 exemplares de árbores, arbustos e outras plantas, todas elas autóctonas, de 55 especies diferentes. Son unhas 14 hectáreas de terreo distribuidas en distintas parcelas que de momento están valadas porque os exemplares aínda son novos e o lugar, algo afastado, podería ser susceptible de roubos ou doutros actos vandálicos. Por esa razón, de momento a fauna silvestre é a única que goza dos froitos que xa dán algunhas árbores e plantas a pesar da súa xuventude.

Xa non quedan, porque as comeron os paxaros, pero, ata hai unhas semanas podíanse ver cereixas, silvestres e polo tanto menos doces, pero comestibles. As cerdeiras forman parte do conxunto de árbores autóctonas que se plantaron co fin de demostrar o seu valor forestal. As outras especies son pradairos, carballos e freixo. "Trátase de demostrar que se pode producir madeira de calidade de especies nosas, e non só de piñeiro e de eucalipto", explica o enxeñeiro e catedrático de Produción Vexetal da Escola Politécnica Antonio Rigueiro.

Noutra parcela fíxose un souto, que xa deu castañas porque son castiñeiros enxertados con material xenético resistente á tinta. Esta é a doenza máis estendida entre os castiñeiros e, doutro xeito, a 500 metros de altura sobre o nivel do mar, as árbores poderían chegar a padecela.

As arandeiras están na zona do arboreto, unha especie de xardín botánico no que están representadas todas as árbores autóctonas de Galicia

"Quixemos darlle protagonismo ao souto porque en Galicia foi sempre un ecosistema moi importante a todos os niveis, económico, coa produción de madeira, do froito..., cultural, paisaxístico...", sinala Rigueiro. Na cidade quedan testemuñas dos soutos que houbo notro tempo, lembra. No barrio do Castiñeiro, onde hai exemplares centenarios; nas Arieiras, a carón da estrada vella de Santiago, ou no parque dos Paxariños e no entronque da carretera da Fonsagrada co paseo do Rato. Preto do humidal das Gándaras, mesmamente, hai un núcleo rural denominado O Souto. No novo plantáronse catro especies de castiñeiros: de parede, ventura, xudía e longal.

Contra todo pronóstico, tamén deron froito varias arandeiras que se trasplantaron o inverno pasado. Son exemplares dunha das dúas especies que se dán no país, a máis común, moi presente no sotobosque de moitas carballeiras. É unha planta que soporta moi mal os trasplantes, por iso é case "un milagre" que xa haxa arandos. "Ás veces ocorre que situacións de estrés como poden ser un trasplante, unha praga ou unha sequía forzan as plantas a florecer e a frutificar. É como unha garantía de perpetuación da especie nunha situación límite", sinala Rigueiro.

ARBORETO. As arandeiras están na zona do arboreto, unha especie de xardín botánico no que están representadas todas as árbores autóctonas de Galicia e unha boa mostra dos arbustos. Concebiuse como espazo didáctico e de lecer.

Por último, nas Gándaras tamén hai moras, porque entre o arborado medran silvas, "máis das que quixeramos", bromea o catedrático.

Castañas, cereixas, arandos e moras son as froitas comestibles que hai de momento, pero, naturalmente, outras especies tamén dán froito. Ademais do souto, do arboreto e da parcela de silvicultura, completa o conxunto forestal unha plantación para a produción de biomasa, formada por chopos e por miscanthus gramínea, unha especie chinesa moi empregada para ese fin.

Comentarios