Benigno Gómez: "Iniciei os trámites coa Deputación para construír unha residencia en San Román"

O alcalde de Cervantes (PSOE) entrou a formar parte da corporación cervantega no ano 87 e fai unha década que tomou as rendas do Concello ► O seu reto é poñer en marcha un centro da terceira idade

Benigno Gómez. XESÚS PONTE
photo_camera Benigno Gómez. XESÚS PONTE

SEMPRE DISPOSTO a escoitar aos seus veciños, o alcalde de Cervantes di que este é o segredo co que logrou encadear maiorías absolutas desde que tomou o bastón de mando. Lograr servizos para os cervantegos foi sempre o seu cabalo de batalla e agora, tras unha década como rexedor, amósase con ganas de seguir loitando polo seu municipio nun novo mandato.

Cales foron as súas prioridades como rexedor?
Cando entrei no Concello as miñas prioridades foron mellorar os servizos dos veciños. No ámbito das novas tecnoloxías había moitas carencias, pois tiñamos moitas zonas sen cobertura de teléfono ou internet e neste senso houbo un cambio importante. Actualmente de 21 parroquias só temos dous puntos escuros. Tamén nos dedicamos á eficiencia enerxética, instalando farolas LED na práctica totalidade do concello, reducindo as facturas nun 40%. Os servizos sociais foron algo no que tamén traballei moito e ampliei a partida orzamentaria ano tras ano.

Ten algún proxecto entre mans?
Iniciei os trámites coa Deputación para construír unha residencia da terceira idade. Agora mesmo é a miña prioridade porque é unha demanda social, posto que que temos unha poboación moi envellecida e moitos maiores están sós nas aldeas. Contará con 30 prazas e haberá outra vintena para un centro de día. Ubicarase en San Román, por ser o lugar máis céntrico. Trátase dun ambicioso proxecto que hai que ir deseñando paso a paso, pero confío en que sairá adiante porque o executivo provincial deume o seu apoio.

O PXOM é outro dos temas pendentes, en que fase se atopa?
Estamos ultimando os detalles para sacalo a exposición inicial. Xa pasou o prazo de alegacións e fóronse respondendo e agora toca volver a presentalo. É unha ferramenta moi importante para o desenrolo de Cervantes.

O ano pasado o concello viviu unha voraz vaga de lumes. Como se están recuperando os terreos?
Estanse recuperando moi ben. As árbores son moi duras, pois aínda que por fóra estean calcinadas, por dentro teñen vida. As estradas tamén quedaron destrozadas, cansámonos de desatascar as taxeas, pero hoxe en día está todo volvendo á normalidade. Houbo moito traballo e aínda queda bastante por diante pero ímolo facendo. Mesmo estes días imos arramxar unha estrada en Donís.

Tomouse algunha medida para previr novos lumes?
A Deputación deixounos un equipo para ampliar as pistas forestais de todo o concello. Tamén é fundamental que se cumpla a franxa de protección ás casas e estou revisando que así sexa. Onde hai actividade gandeira non hai moito problema porque os veciños vano facendo, pero hai moita xente que non ten a residencia habitual en Cervantes. Por iso fixemos un bando para informalos das medidas a adoptar. É moi importante que todos sexamos responsables.

O 98% do territorio pertence á Rede Natura. Cre que esta protección ten demasiadas restriccións?
Si, creo que debería de artellarse algunha maneira de compensar as restriccións que isto trae para a actividade gandeira. Eu comentei varias veces esta problemática con responsables autonómicos, pero nunca sae diante. Propostas como dotar dun selo de calidade á carne, otorgar axudas á xente que teña árbores centenarias ou calquera outra medida que lles dea incentivos aos veciños sería necesaria. Non é xusto poñer prohibicións sen nada a cambio.

As pallozas son un dos elementos característicos do concello. É necesario un plan de mantemento, tal e como piden os veciños?
Piornedo é un ben patrimonial e as pallozas tamén, polo que deben de ter un coidado especial. Os veciños sós non poden facer fronte aos elevados custes que conleva o mantemento dos tellados. O fundamental sería poñer en marcha un convenio continuo no tempo no que colaboren as administracións e os propietarios. Queda algo por facer para darlle un maior impulso turístico ao municipio cervantego? Cervantes é un paraíso natural que ten moitos monumentos que visitar. Non obstante, temos pendente rematar a recuperación do castro de Santa María ou poñer en valor a vía romana XIX.

Moi persoal

Encántame ler sobre a historia, é algo que me apaixoa

Optará á reelección?
Agora mesmo síntome con ilusión e con ganas. Teño que falalo cos meus compañeiros de partido e se eles me apoian e a xente segue confiando en min volverei a optar á reeleción. Os veciños son a miña principal preocupación, eu traballo para todos eles, así o fixen durante todos estes anos e así o seguirei facendo.

Cal é o segredo para encadear tres maiorías absolutas?
Intento axudar aos cervantegos en todo o que podo e sempre estou disposto a escoitalos e a mellorar día a día. Para min son todos iguais, independentemente da ideoloxía política.

Que soe facer no tempo libre?
Entre as miñas labores como rexedor e atender a taberna familiar quédame moi pouco tempo libre. O que máis me gusta facer cando teño un anaco é ler os xornais e sobre todo libros relacionados coa historia, é algo que me apaixoa. Agora mesmo teño tres exemplares empezados.

A apicultura era unha das súas paixóns, segue tendo colmeas?
Agora mesmo só me quedan dúas colmeas. A apicultura gústame moito, pero require de tempo.

Que lle recomendaría ver de Cervantes aos visitantes?
De Cervantes encántame todo, é moi difícil escoller un lugar en concreto. De norte a sur o visitante imprégnase da natureza. Podería recomendar Piornedo, o castelo de Doiras, o castro de Santa María ou o de Guindós.

Gústalle máis a neve ou o sol?
Eu son máis de frío, gústame moito ver nevar.

Curiosidades
O escritor Miguel de Cervantes, con orixes no concello
Conta a tradición que o escritor Miguel de Cervantes Saavedra puido ter orixe no Pazo de Saavedra, en Vilarello. A falta de traballos de investigación que o demostren, algúns veciños afirman que antepasados do ilustre autor pasaron no século XV tempadas no caserío cervantego.
Vía romana XIX
A vía romana XIX, a máis antiga das tres calzadas principais de Galicia documentadas polo Itinerario de Antonino, atravesa o municipio cervantego. Desde o Concello, en colaboración co colectivo Patrimonio dos Ancares, están traballando para recuperala e atraer así ao turismo.
Poboación
O concello contaba en 2017 con 1.423 habitantes e o seu saldo vexetativo era negativo, pois faleceron 28 persoas e só houbo tres nacementos.
Non obstante, o alcalde destaca que este ano se incorporarán ao colexio de San Román cinco nenos en primaria, algo que había anos que non acontecía.

Comentarios