Becerra, o ministro de terras baluras

Na Ponte de Outeiro nacía o 20 de outubro de 1820 un dos políticos máis destacados do século XIX, Manuel Becerra Bermúdez. Pragmático, masón e ministro ata sete veces, foi o responsable de incluír a educación física na ensinanza, así como de levar a Lugo a escola preparatoria militar e a de artes e oficios

 "Estudia, neniño, estudia, a ver se chegas a ministro, que tempos houbo nos que na Ponte de Outeiro naceu un ministro". As palabras máxicas que acenderon a curiosidade dun pequeno Manuel Vila que, anos despois de escoitarllas pronunciar a un veciño seu, as transmitiu para contaxiar desa mesma curiosidade ao seu colega Xosé Antón Pombo, e así ambos sumerxirse nos ires e vires da vida do sete veces membro do Goberno, Manuel Becerra Bermúdez.

Nome familiar para uns, descoñecido para outros e ilustre por riba todo, Becerra Bermúdez nacía o 20 de outubro de 1820 nunha casa de Santa María de Outeiro (Castro de Rei), cando a súa nai viña de volta das San Lucas. Orfo de pai desde moi novo, desenvolveu a súa formación académica na capital luguesa, unha cidade que por aquel entón se lle quedaba pequena para os seus grandes anhelos, os dun "home político desde o punto de vista da filosofía grega", apunta Pombo, historiador e artífice, con Vila, dun libro que recolle a biografía de Manuel Becerra e do poeta Crecente Vega.

Coa ansia propia dun cidadán "preocupado pola política desde a súa mocidade", aquel rapaz que apenas sumaba 20 anos chegou a Madrid, a xunto da súa tía Manuela, e comezou a labrar unha traxectoria que pouco tivo que ver cos seus últimos días: sen descendencia nin condecoracións, afastado das súas amizades e case sen fortuna. Iso si, soterrado en 1896 no cemiterio sacramental de San Lorenzo, en Madrid, coa compañía maioritaria de xente anónima. E é que, tal e como conta Xosé Antón Pombo, "foi un gran espadachín. Os nenos madrileños xogaban nas rúas a ser Manuel Becerra".

O seu pragmatismo político, imprescindible para sobrevivir á montaña rusa que supuxo ideoloxicamente o século XIX, provocou que aquel chairego que destacaba en matemáticas e astronomía chegara a ser un dos redactores da Constitución de 1869, na que apoiaba a monarquía mentres se relacionaba cos republicanos unionistas, e responsabilizarse de sete carteiras ministeriais con mandatarios moi dispares. Non sen antes ser acusado de varios levantamentos, un deles como cabeza do Quinto Lixeiro -un grupo de civís armados-, ser exiliado, indultado e volto a exiliar.

ULTRMAR E FOMENTO. A súa primeira responsabilidade política veu da man do liberal Francisco Serrano, que como coñecedor da "mala solución que tiñan as relacións con Cuba e Porto Rico", lle outorgou a Becerra o Ministerio de Ultramar en 1869, posto no que repetiría con outros dirixentes en 1870, 1888, 1890 e 1894. Pero a súa última xogada á fronte desta carteira, coa que buscaba unha política unitaria coas colonias que mitigase as revoltas ao outro lado do Atlántico, foi a orixe da súa dimisión, ao atoparse coa negativa do Consello de Ministros.

Mais foi en Fomento, que por aquel entón incluía Educación, onde si puido consumar a súa causa, e é que a el se lle debe a inclusión de educación física -daquela Elementos de Gimnasia Militar- na ensinanza media e superior tras un "brillante discurso" pronunciado nas Cortes, pese a que en ocasións se lle reprochaba a "mala dialéctica e un marcado acento galego" dun auténtico progresista da súa época. Proba diso é a súa defensa do sufraxio universal para os homes e da educación para todos, especialmente para as mulleres por ser as que coidaban dos nenos e as que lles podían transmitir os coñecementos.

FILLO DE LUGO. "Hijo soy de esta provincia, de eso que vosotros llamáis la baladura de Castro de Rey de Tierra Llana, y soy hijo de Lugo, declarado hijo predilecto de esta ciudad donde hice mis estudios como puede hacerlos un pobre... Esos son mis cuarteles de nobleza y no los oculto", dicía o propio Becerra tras ser nomeado pola Deputación de Lugo fillo preclaro e predilecto en 1888, pola súa "gran valía como gobernante", afirma Pombo, e por ser embaixador de costumes luguesas en Madrid. "Promovía celebrar o San Froilán na capital, xuntándose con outros colegas", engade o historiador, quen numera o campo de tiro de San Cibrao, a escola preparatoria militar e a escola de artes e oficios –hoxe a EASD Ramón Falcón– como entidades que levou Becerra Bermúdez á cidade de Lugo.

Ademais, a relación con Manuel Vázquez de Parga, o vilalbés Conde Pallares que se atopaba nas antípodas ideolóxicas do da Ponte de Outeiro, moderouse por ser oriundos da mesma provincia, tanto que ata intercambiaban correspondencia e favores con asiduidade, lembra Pombo.

Casado cunha adiñeirada viúva, María Ortiz; Gran Comendador do Gran Oriente de España pola loxia dos masóns e admirado por políticos contrarios ás súas ideas, Manuel Becerra Bermúdez segue a ser un auténtico descubrimento, incluso cando se cumpren os 200 anos do seu nacemento nunha pequena casa da terra dos Baluros.

Castro de Rei recordará o seu 200 aniversario

Con motivo do 200 aniversario do nacemento de Manuel Becerra Bermúdez, que se celebra este martes, día 20, o Concello de Castro de Rei homenaxeará a súa figura. Pero haberá que agardar ata o mes de novembro, coa colocación dun monolito e unha placa conmemorativa que se situarán moi preto da súa casa natal, na Ponte de Outeiro, aínda que as circunstancias provocadas pola pandemia obrigará a que sexa "un acto pequeno", avanza o rexedor, Francisco Balado.

Dípticos para escolares

Ademais, e coa colaboración dos autores do libro ‘Dous fillos da Ponte de Outeiro: Manuel Becerra e Crecente Vega’, Xosé Antón Pombo e Manuel Vila, distribuiranse dípticos divulgativos entre os escolares do municipio castrexo, para achegarlles a vida e traxectoria do político. Estes folletos tamén se lles entregará aos asistentes ao acto de homenaxe.

Comentarios