"Non me vexo como contrapoder a Tomé, o gasto da Xunta é 15 veces o da Deputación"

O delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, mantén unha intensa axenda de viaxes para que a cidadanía visualice o esforzo investidor do Goberno galego. Opina que a súa constante presenza mediática non lle fai sombra á presidenta provincial do PP, Elena Candia, nin ao voceiro no Concello lugués, Ramón Carballo. «Somos un equipo», afirma
José Manuel Balseiro, na sede da Xunta en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera José Manuel Balseiro, na sede da Xunta en Lugo. XESÚS PONTE

MOITOS DEFINEN a José Manuel Balseiro como un "superdelegado" polo seu ritmo de traballo e ese afán de estar en todas partes, como se tivese o don da ubicuidade, para presentar iniciativas da Xunta. Dá a impresión de que o seu papel é exercer de contrapeso político fronte ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, na loita entre as dúas administracións por converterse no referente político provincial. Balseiro nega tal suposto. "Non son un contrapoder a Tomé. Confrontar sería un erro, porque non hai cor. A Deputación ten un orzamento de 92 millóns de euros e a Xunta investiu o ano pasado 1.400 millóns na provincia, quince veces máis, sen contar o gasto en servizos esenciais, como os educativos e os sociosanitarios, que elevarían substancialmente esa cifra", resume. O investimento do Executivo autonómico no territorio lucense "é superior ao do resto das administracións no seu conxunto", engade.

O presidente da Deputación discrepa dese balance e asegurou hai uns días que a Xunta ten unha débeda en infraestruturas con Lugo. Falou da variante de Viveiro, o plan Paradai e a Ronda Leste, en Lugo, ou do porto seco de Monforte...
Alégrame que o presidente da Deputación e alcalde monfortino fale do porto seco, no que o Goberno galego leva gastados 24 millóns de euros. Foi a única administración que puxo cartos polo de agora nese proxecto. Queda por facer un enlace, que está paralizado polo Goberno central, que esixe de facer un paso nivel para o tren que nada ten que ver co acceso proposto pola Xunta. Tomé coñece ben o problema e pedíronlle que mediase para solucionalo. En canto á débeda coa provincia, Lugo foi a máis beneficiada de Galicia nos últimos catro anos ao percibir un investimento medio de 4.200 euros por habitante. Esta cantidade supera con moito a media de 350 euros por lucense do último orzamento do bipartito PSOE-BNG no 2009, que Tomé votou a favor como parlamentario, do mesmo xeito que eu o fixen en contra.

Financiamento
"Lugo percibiu un investimento medio de 4.200 euros por veciño nos Orzamentos fronte aos 350 do bipartito no 2009"

Pode ir a súa constante presenza nos medios de comunicación en detrimento doutros políticos do seu partido, como a presidenta provincial, Elena Candia, ou o voceiro municipal en Lugo, Ramón Carballo?
Para nada. O feito de poñer en valor as iniciativas da Xunta suma para todos. A miña misión é achegar á sociedade a xestión do Goberno galego. Candia e Carballo, cos que manteño unha liña de colaboración e de total dispoñibilidade, asumen outras funcións. O noso labor non se ten que medir por parcelas, senón en conxunto. No PP somos un equipo. Non facemos fincapé no traballo individual, senón no colectivo.

Vostede non para. Parece ter o síndrome viaxeiro de Fraga. Visita varios concellos ao día, vai e volve de Lugo a San Cibrao. Non lle resulta esgotador?
Cando traballas a gusto e coa ilusión de darlle resposta ás necesidades da sociedade lucense tes razóns para sentirte satisfeito. Así lévase mellor o cansazo, aínda que che afecte, como a calquera outra persoa. Atender a xente e controlar a actividade diaria da Delegación Territorial supón un sacrificio persoal, pero os resultados, para ben ou para mal, cousa dun equipo, dos xefes territoriais e dos funcionarios. A miña responsabilidade é actuar como coordinador.

Considera que con esa apretada axenda conseguiu transmitir o traballo da Xunta?
Iso débeno valorar os lucenses. Pola nosa parte tentamos que se visualice o labor de Goberno galego son e trasladar aos cidadáns os proxectos e investimentos importantes, e os que non son tan importantes pero si necesarios, que se fan na provincia de Lugo. No día a día hai moito traballo de despacho, pero tamén de rúa. Nestes catro anos visitei os 67 municipos da provincia, algúns deles en varias ocasións, para presentar estas actuacións. Tampouco deixei sen recibir a ningún veciño ou cargo institucional que me pediu unha entrevista.

Axenda
"Nestes catro anos visitei os 67 concellos da provincia, algúns varias veces, para poñer en valor a xestión da Xunta"

Non lle queda ningunha asignatura pendente que quixese facer no actual mandato autonómico?
Sempre hai cousas por facer, pero creo que se desenvolveu un importante traballo. Estou convencido de que esta lexislatura foi a máis positiva para a provincia de Lugo nos últimos vinte anos.

Renunciará vostede ao cargo, aínda que so sexa temporalmente, para presentarse nas listas do PP por Lugo para o 5 de abril?
Estou a disposición do partido, que terá que decidir onde lle poido ser útil. A confección das candidaturas é unha decisión que lles corresponde á presidenta provinial en Lugo e ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

Como ve ao seu partido de cara ás vindeiras eleccións? Están superadas as discrepancias xurdidas no último congreso provincial?
Cando se celebra un congreso con dúas candidaturas entra dentro da lóxica que haxa friccións. Aquelas diferenzas están superadas e o partido traballa unido e rema nunha única dirección para acadar uns bos resultados electorais. Coñezo ben a estrutura provincial do PP e non detecto ningún problema interno. Pola contra, vexo xente ilusionada ante os comicios autonómicos. Nas eleccións xerais de novembro fomos capaces de gañarlle ao PSOE por 9.000 votos na provincia, 6.000 deles na cidade de Lugo, fronte a diferenza de 700 que obtivemos o pasado mes de abril. Naquel entón, Lugo foi a cuarta provincia española onde o Partido Popular obtivo unha mellor porcentaxe de todos. Aínda que as votacións ao Congreso e o Senado non son extrapolables ás autonómicas, coido que nestas manteremos esa tendencia e incrementaremos o número de votos na provincia.

Eleccións
"Estou seguro de que os galegos apostarán pola estabilidade que lles dá o Goberno de Feijóo e de que Lugo non lle vai fallar"

Dende o PSOE afirman que tanto as enquisas propias como as do PP indican que Núñez Feijóo perderá a maioría absoluta...
Veñen diciendo o mesmo dende 2009, pero o PP segue gobernando en solitario. A única enquisa válida será a que saia das urnas o día 5 de abril. Estou seguro de que os galegos apostarán pola estabilidade que lles dá o Goberno de Feijóo, sen aventurarse a alianzas incertas. O noso presidenciable obterá a súa cuarta maioría absoluta e estou seguro de que Lugo non lle vai fallar.

Benefícialle ao PP o adianto electoral?
Na miña opinión, o presidente Núñez Feijóo adiantou as eleccións nun acto de responsabilidade para evitar oito meses de precampaña, 45 días son máis que suficientes. Quen saia elixido presidente da Xunta poderá traballar de inmediato na execución duns orzamentos xa aprobados e con tempo para preparar os do ano seguinte.

Cs e Vox
"Son formacións sen estrutura na nosa comunidade e, sen esa base, é imposible contar con proxección"

Pensa que Cs ou Vox están en condicións de facerlle dano ao seu partido?
Son formacións sen estrutura na nosa comunidade e, sen esa base, é practicamente imposible contar con proxección, con independencia da data na que se celebren as votacións.

Cre que o PP chegaría a gobernar con Vox se fose necesario para sumar maioría?
Neste momento, o obxectivo do Partido Popular é gañar de novo a confianza dos cidadáns galegos para gobernar en solitario, como fixemos en todas as ocasións nas que acadamos a presidencia da Xunta.

MOI PERSOAL. "Pachi Vázquez era duro no debate, e eu non son brando"
A que políticos admira?
Ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a Mariano Rajoy, a quen agora lle recoñecen o traballo que fixo á fronte do Executivo central. De Feijóo sempre valorei a súa capacidade de traballo, xestión e liderado.

E fóra do seu partido?
Teño unha boa relación con todo o mundo, con independencia das ideoloxías, pero non políticos predilectos doutras formacións. Botei moitos anos no Parlamento e penso que non deixei inimigos.

Que político rival lle apretou máis nun debate?
Pachi Vázquez, cando era conselleiro de Medio Ambiente e eu parlamentario na oposición. Era moi duro, aínda que eu tampouco son dos brandos.

Prefire o Parlamento galego ou a Delegación Territorial?
Son traballos distintos, pero nos dous estou cómodo.

Practica algún deporte?
Non poido facelo por problemas na cadeira. Antes, cando era concelleiro en Cervo, ía unha hora diaria ao ximnasio.

Vai a espectáculos deportivos como afeccionado?
Ás veces vou ver os partidos do Lugo e do Breogán. Gústame o deporte en xeral.

Que fai para desconectar nos seus momentos de ocio?
Encántame estar en San Cibrao, o mellor pobo que existe, de charla cos amigos ou gozando da cercanía do mar.

É máis de mar que de interior?
Son paisaxes distintos. Hai moitos sitios do interior que me engaiolan. O meu rincón preferido son as pallozas de Piornedo. É un sitio que me relaxa.

Con quen lle gustaría compartir mesa e mantel?
Cos lucenses, coa xente da rúa, para escoitar as súas inquedanzas nunha boa sobremesa.

Que película ou libro lle impresionou?
Fun á estrea do filme O que arde no concello no que se rodou, Navia de Suarna. Faise unha reflexión interesante sobre a Galicia rural. Tiven ocasión de charlar nunha cafetería co seu director, Oliver Laxe, e cos seus protagonistas, Amador Arias e Benedicta Sánchez. A Benedicta tamén a recibín no despacho para brindarlle unha pequena homenaxe despois de que a nomeasen mellor actriz revelación nos premios Goya deste ano.


Polémicas candentes. "O auditorio de Lugo estaría aberto se dependese do BNG"

José Manuel Balseiro, no seu despacho. XESÚS PONTE

Correron ríos de tinta sobre o seu bo entendemento co tenente de alcalde do BNG por Lugo, Rubén Arroxo, pero esa cordialidade resolve o problema do auditorio?
A miña relación con Arroxo é boa. Non teño dúbida de que o auditorio estaría aberto se dependese do BNG, pero o PSOE, coa alcaldesa de Lugo á cabeza, está empeñado na confrontación constante coa Xunta e non quere facerse cargo das instalacións. Prefire manter pechada a mellor infraestrutura cultural da provincia, e unha das mellores de Galicia, que custou 22 millóns de euros, aos que se suman a compra de terreos, feita tamén pola Xunta, e un equipamento de tres millóns, abonados polo Goberno galego a cambio dunha exención de impostos en edificios sanitarios que ten en Lugo durante cinco anos. O persoal municipal xa recibiu a formación necesaria, pero o Concello retrasa a apertura.

Que obstáculos xurdiron neste dilatado proceso?
No 2016, nin a alcaldesa, nin representantes municipais se presentaron para a recepción da obra. Cando se recepcionou o equipamento fixeron o mesmo. Son actas firmadas polos técnicos que fan a supervisión, non por políticos. Non entendo a súa actitude. Por iso solicitei unha entrevista con Lara Méndez para pechar o tema, pero non me recibe.

Auditorio
"Solicitei unha entrevista coa alcaldesa de Lugo para tratar sobre a súa apertura, pero non me recibe"

Vostede é a cabeza visible na defensa da proposta da Xunta de crear dun parador de turismo no antigo cuartel de San Fernando, ve posible chegar a un acordo co Concello?
Deberíamos rubricar un convenio positivo para a cidade. Os proxectos da Xunta parten dunha diagnose previa. Hai un problema de peche de negocios e de diminución de actividade no casco vello de Lugo, que pretendemos atallar. O noso plan de promoción do turismo cultural é ambicioso e non se presentou ningún proxecto alternativo ao noso. O Concello manifestou a súa intención de crear un museo da romanización en San Fernando. A Xunta non quere promover unha nave contedor infrautilizada. Apostamos polo funcionamento en rede dos museos da cidade, sen renunciar ao da romanización, que podería estar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). A maiores de aportar o 50% do custo da restauración del cuartel, a Xunta asume o custo total da restauración do Pazo de Dona Urraca e o da Casa Torre da Tinería. Recuperar estes tres edificios emblemáticos é un paso vital para acadar a declaración do casco vello Patrimonio da Humanidade. O parador atraería turistas estranxeiros e dinamizaría as pernoctas en hoteis, que na provincia subiron un 14% no 2019, pero en Lugo so medraron o 4%.

Parador
"A Xunta non busca a belixerancia. Non lle solicitamos apoio ás asociacións de Lugo, só que escoiten a nosa proposta"

Facer o parador non será fácil sen a conformidade do Concello, como propietario do cuartel, e do Goberno central, responsable de Paradores. Fomenta a Xunta o antagonismo político con esta campaña?
Estamos a falar de empresas públicas e edificios públicos, que sosteñen os cidadáns cos seus impostos. Non son propiedade das administracións. A Xunta e Paradores xa firmaron en Verín un convenio similar ao que se propón para Lugo. É unha cuestión de vontade política. O Goberno galego non busca a belixerancia. Mantemos reunións con asociacións para expoñer o noso proxecto, pero non lles pedimos apoio, só que nos escoiten.

Na provincia existe unha gran preocupación polo futuro de Alcoa. Cre que o estatuto electrointensivo garante o seu futuro?
Non. Alcoa ten unha gran dependencia do prezo da electricidade e a rebaixa prevista no estatuto non é suficiente. É imprescindible adoptar medidas complementarias para que non peche a única factoría de aluminio primario de España. Nin o goberno cumpre, nin o BNG exerce o seu papel de mediador despois de incluír a continuidade de Alcoa no seu pacto co Goberno central. As poxas de ininterrumpibilidade abríronse a máis empresas, en prexuízo de Alcoa, e a maiores está o problema dos pagos por emisión de CO2. Nunca se chegou a unha situación tan crítica. A empresa leva dous anos con notables perdas e pechou 36 cubas.

Comentarios