A Baixada de Carrilanas de Abadín cumpre este domingo a maioría de idade

Preto dun cento de pilotos chegados dende distintos puntos de España competirán nunha proba que será puntuable para o Campionato Galego

Edición pasada da baixada de carrilanas.AEP
photo_camera Edición pasada da baixada de carrilanas.AEP

A Baixada de Carrilanas A Corda de Abadín cumprirá este domingo a maioría de idade con importantes novidades no seu tradicional circuíto, que deberá mudar lixeiramente por mor das obras que se están levando a cabo na instalación de eólicos.

A competición, na que se darán cita preto dun cento dos mellores velocistas desta Fórmula 1 enxebre, chegados dende distintos puntos da xeografía española, desenvolverase en horario ininterrompido de 16.00 a 20.00 horas, coa celebración das distintas probas nas diferentes categorías.

Estas repartiranse en función da velocidade das carrilanas e do material do que estén confeccionadas nas modalidades de neumática, rodamentos, skeleton, gravity bike, street luge, patinaxe de descenso ou madeira. Os vehículos poderán rodar na xornada do sábado para ir coñecendo as peculiaridades do novo circuíto, algo máis curto que en edicións pasadas e que levará ao pilotos ata a zona do centro de saúde de Abadín.

A baixada, cuxa inscrición abrirase o mesmo día entre as 10.30 e as 13.00 horas, será un ano máis puntuable para o Campionato Galego, promovido pola Federación de Deportes de Inercia.

Haberá trofeos para os dous primeiros clasificados de cada unha das categorías e para os representantes locais, ademais de agasallos para o resto, así como distincións para o deseño máis orixinal ou a carrilana mellor feita.

Comentarios