Álvarez: "Este foi o mandato das traídas de augas, o próximo será o das redes de saneamento"

Pantón, coma sucede cunha gran parte dos concellos da Galicia interior, está castigado polo envellecemento e a pérdida da poboación. Se cadra, por iso, a teima do seu alcalde é garantizar servizos a todos os veciños que seguen apostando por esta terra

José Luis Álvarez Blanco. TOÑO PARGA
photo_camera José Luis Álvarez Blanco. TOÑO PARGA

O POPULAR José Luis Álvarez Blanco leva á fronte do Concello de Pantón desde 2007. Neste tempo sacou adiante moitos proxectos pero asegura que queda moito por facer.

Os veciños de Tribás contarán pronto cunha nova traída de augas despois de anos con problemas nos meses de seca.
Efectivamente, logramos que a Xunta habilitase unha partida para unha obra que é moi necesaria. Para min, o máis importante é que todas as parroquias do municipio teñan os servizos básicos e nestes catro anos traballamos moito nos temas de abastecemento. Están para contratar as traídas dun barrio de Guítara, a do Pireiro en San Vicente de Castillón. Tamén estamos traballando para facer as de San Vicente e Santiago de Castillón e San Esteban do Mato, que queremos que se concreten canto antes.

Quedan outros servizos básicos pendentes?
Sempre quedan, pero se o mandato que remata agora foi o das traídas de augas o próximo, se temos a confianza dos cidadáns, será o dos colectores. Acometeremos a segunda fase do saneamento de Tuiriz e o de Vilamelle. Despois temos previsto facer os de Espasantes, Pantón e Moreda.

A Deputación tamén anunciou que lle dará un empurrón ao proxecto da residencia.
Foi algo que nos custou moito desbloquear. O Concello aporta os fondos e os terreos, pero tivemos que presionar moito por ese proxecto. É o complemento perfecto para o centro de día que temos e tamén permitiría que moitos veciños das parroquias que están máis cerca de Ourense e que están en centros desa cidade poidan regresar ao seu municipio.

O turismo é moi importante para este concello. Case se pode dicir que somos a cuna do románico

Fala dese vínculo forte entre Pantón e Ourense. Como lles afecta a proposta de cambiar o trazado da A-76 que fixo o alcalde da cidade do Cabe, José Tomé?
Non quero entrar nesa polémica porque creo que Tomé dixo iso sen pensalo moito nin valorar as consecuencias. Ningún de Monforte vai ir a Ourense por Chantada. En calquera caso, o delegado da Xunta xa aclarou que a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) non é un problema para a autovía. O BIC non está reñido coas infraestruturas que supoñen melloras para a poboación. Na zona do Douro, que é Patrimonio da Humanidade, tamén hai autovías.

Que outros proxectos lle quedan pendentes?
Anque a miña prioridade son os servizos básicos, estamos traballando noutras áreas. No ámbito dos deportes está previsto a creación dun campo de fútbol de herba artificial para os entrenamentos. No sector dos servizos sociais temos un terreo no Monte Baliño e logramos o comprosmiso da consellería para facer alí vivendas sociais.

Como se plantexa o futuro turístico de Pantón?
O turismo é moi importante para este concello. Case se pode dicir que somos a cuna do románico. Levamos moitos anos traballando para a posta en valor do mosteiro das Bernardas, que é un gran símbolo de Pantón, e de todo o seu entorno. Co apoio da Xunta traballouse moito no seu exterior e no interior. Agora vaise potenciar a súa misión coma hospedería e coma punto de recepción de visitantes. Pero tamén temos plans para os miradores. Queremos mellorar o de Pena Pombeira e facer outro na Cruz, pero estamos pendentes dos permisos de Patrimonio.

O reto agora á atopar a maneira e as inversións para darlle a mellor saída posible ás construccións da Chaira

No ano 2016 o Concello reclamaoulle a Iberdrola que tomase medidas co poboado da Chaira, que está abandonado e que sufriu moitos actos vandálicos. Houbo resposta?
Tivemos varias conversacións e finalmente logramos o compromiso da compañía hidroeléctrica de que se xorde algún proxecto viable para explotar o poboado dende o punto de vista turístico a cesión das instalacións ao Concello será inmediata. Así que o reto agora á atopar a maneira e as inversións para darlle a mellor saída posible ás construccións da Chaira.

Pantón está sen plan de urbanismo?
O documento está case listo para a súa exposición inicial. A idea é sacalo antes das eleccións se nos da tempo.


Moi persoal
"A política cansa moito, pero aínda teño tarefas pendentes"

Dicía antes que o próximo mandato será o dos saneamentos. Xa ten claro que repite como candidato a alcaldía polo PP?
Non falamos nada, nin entre os compañeiros de Pantón nin co partido a nivel provincial, pero non vexo razóns para non repetir. Teño aínda compromisos pendentes cos veciños e ata que os cumpra non vou abandonar.

Non está canso?
A política en xeral cansa moito e ser alcalde implica adicar o cen por cen do teu tempo a isto e restarllo a outras cousas, pero eu estou moi vinculado aos veciños e quero cumplir todos os proxectos que lles prometín.

Xa ten lista?
De primeiras conto con seguir co meu equipo actual, sempre que eles teñan intención e posibilidades de acompañarme.

De emigrante en Suíza a alcalde de Pantón.
Son circunstancias da vida. A miña foi unha xeración de emigrantes e a min tocoume ir a Suíza. Tiven boa sorte e atopei traballos nos que sempre estiven moi cómodo, o último deles vinculado ao sector da banca. Iso permitiume retirarme relativamente pronto e regresar a Pantón, á miña casa, e foi aí cando enganchei coa política.

Cando non está no consistorio onde poden atopalo?
É facil que me atopen en calquera parroquia cos veciños ou pola casa coa familia, aínda que o certo é que a maioría do tempo estou no consistorio ou nalgún sitio que teña que ver coas miñas obrigas coma alcalde.

Curiosidades
Sete BIC e 67 bens clasificados


O patrimonio de Pantón é dos máis extensos da Ribeira Sacra. A declaración de BIC afecta de xeito directo a un total de sete bens inmobles. O documento inclúe tamén 67 bens clasificados na paisaxe cultural da Ribeira Sacra e 26 inmobles de carácter sacro. Un total de sete parroquias do municipio están dentro desta paisaxe ou na súa zona de influenza.

As Bernardas
Entre ese patrimonio conta co mosteiro do Divino Salvador de Ferreira. Trátase do único mosteiro cisterciense feminino activo en Galicia.

Poboación
Pantón cerrou o 2017, que son os últimos datos que ten o Instituto Galego de Estatística, con 2.565 habitantes, medio milleiro menos que fai unha década, cando pechou 2007 con 3.073 habitantes.

Envellecemento
Dos 2.565 habitantes cos que pechou Pantón o 2017, o 46,9% son maiores de 64 anos de idade e só o 5,6% son menores de 16 anos.

Comentarios