Agustín Hernández presidirá o Consello Económico e Social

O exconselleiro ocupará o posto vacante de Corina Porro
Agustín Hérnandez. ARCHIVO
photo_camera Agustín Hérnandez. ARCHIVO

O exconselleiro e exalcalde compostelán Agustín Hernández será proposto para presidir o Consello Económico e Social (CES), posto que deixou vacante Corina Porro, a quen o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, lle encomendou a delegacion da Xunta en Vigo pouco tempo despois de porse á fronte da xestora da agrupación local do PP na cidade olívica. 

Distintas fontes consultadas por Europa Press confirmaron que a proposta, que avanzou a Cadena SER, realizarase en breve e Hernández, quen saíu do Goberno de Feijóo no seu día para asumir a Alcaldía compostelá nun convulso mandato –antecedérono no cargo os tamén populares Gerardo Conde Roa e Ángel Currás–, tomará as rendas do organismo autonómico. 

Hernández, ao que se consideraba un dos homes fortes do Executivo de Feijóo, dirixiu a Alcaldía de Santiago case un ano, desde xullo de 2014 até as municipais do ano seguinte, cando perdeu o bastón de mando municipal. Tampouco o conseguiu recuperar nas eleccións locais deste ano, cando concorreu de novo como cabeza de cartel do PP. 

Agora porase á fronte do CES e haberá que mover banco no partido na capital galega. En rolda de prensa, o portavoz do PP na Cámara galega, Pedro Puy, destacou a "capacidade de traballo excepcional" de Hernández e que coñece "moi ben a realidade económica e social de Galicia".

Comentarios