Opinión

A resposta galega

ANALIZÁBAMOS HAI poucos días a absoluta irresponsabilidade e falla de utilidade da esquerda española. Velaí a maioría progresista dende decembro de 2015 que non foi quen nin de derrogar a ‘lei mordaza’, nin a grave restrición da autonomía local da lei de modernización dos gobernos locais nin a recentralizacion e xentrificación da educación da lei Wert.

Arestora ficou claro dabondo. Como cantaban os nosos veciños asturianos Los Berrones, a esquerda española (PSOE e UP, que en Galicia preséntase baixo a bifronte fórmula Tone GómezReino/Yolanda Díaz como Galicia en Común) nin sabe, nin vale, nin quere. Como vén de escribir o noso notábel economista e literato Marcelino F. Mallo, a inoperante esquerda española emite a mensaxe da súa incapacidade de acordo para gobernar, amosando que esta función no Estado só a pode desenvolver o bloque da dereita tripartita. Unha dereita tripartita hoxendía minoritaria na contaxe dos votos estatais por mor da súa relativa derrota en Galicia, Euskadi, Navarra, Catalunya, País Valencià, Illes Balears ou Canarias mais que podería gañar en novembro no conxunto do Estado de acabalo da previsíbel desmobilización do electorado progresista e da xa evidente deceleración económica.

No contexto moi probábel da volta ás urnas, a inutilidade e irresponsabilidade da esquerda española e máis a desmobilización do seu electorado abriríanlle unha pequena fiestra de oportunidade ao galeguismo para se presentar como a alternativa útil e recuperar a súa presenza no Congreso estatal. Para iso precisa de unidade, de intelixencia e de xenerosidade. Os resultados electorais do 28-A definiron neste eido unha nidia hexemonía do BNG e, ao mellor, deixaron fóra de xogo aquela coalición nacional á corsa que constituía a solución acaída para gañar a representación na última primavera. Mais, de calquera xeito, a fronte soberanista habería de se decatar que precisa da achega dos milleiros de soberanistas que habitan alén dos seus muros. E eses milleiros que, polo menos para concorrer ás eleccións estatais, o BNG ha xogar un rol central, malia que non exclusivo nin excluínte.

Para poder acadar os votos precisos, ilusionando onde a esquerda española desilusionou, o soberanismo habería definir unha mensaxe clara e sinxela, que fose quen de sumar e seducir ducias de milleiros. Mensaxe alicerzada na defensa dos intereses económicos galegos e das políticas sociais a prol das maiorías, na restauración das liberdades e mellora da calidade democrática e institucional e na reversión da recentralización para acadarmos máis autogoberno, máis e mellor financiamento autonómico e, xa que logo, máis benestar.

Comentarios