Blogue | Sursuncorda

A Xunta aforra en Lugo

A polémica pola Ronda Este deixa no aire un investimento de 20 millóns e agora párase unha promoción de vivenda pública
Vista de la estación de autobuses, con la zona de dársenas en primer plano. XESÚS PONTE
photo_camera O proxecto para crear unha gran praza na actual estación de autobuses tamén podería quedar en nada. XESÚS PONTE

XA CONTEI algunha vez nesta crónica que durante unha entrevista a Francisco Vázquez o por aquel entón alcalde coruñés citara unha anécdota que lle contara un ministro de Fomento estrañado porque en Vigo non lle pediran cartos para facer obras, senón para tiralas, en concreto para eliminar o polémico ‘scalextric’ da Gran Vía.
Pois ben, en Lugo non fai falta nin pedir iso, porque cando hai que usar a piqueta, como vai ocorrer co Garañón, úsase orzamento municipal. E tampouco se precisa que as administracións fixen partidas orzamentarias para determinadas obras, porque directamente cuestiónanse ou paralízanse xusto cando poden comezar a facerse.

É o que ocorre co proxecto para finalizar a Ronda Este, unha obra reclamada desde hai anos pola corporación lucense e que mesmo se incluíu no PXOM, pero que agora que se coñece polo miúdo o proxecto está a xerar oposición entre grupos ecoloxistas, partidos políticos, asociacións veciñais afectadas e ata polos afeccionados aos cogomelos. E mentres desde a delegación da Xunta os seus responsables se afanan en explicar as medidas implementadas para reducir o impacto ambiental da obra, seguramente na Consellería de Infraestruturas estánse a frotar a mans vendo o aforro de 20 millóns de euros que pode supoñerlle meter no caixón o proxecto.

Pero non é o único departamento da Xunta que celebra as polémicas en Lugo, xa que  Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén está a ver como desde a capital lucense se insta a paralizar o proxecto para construír un novo edificio de vivendas sociais na cidade, en concreto nunha parcela do barrio do Castiñeiro onde o PXOM —ese mesmo plan que validaba a Ronda Este— atribuía edificabilidade para levantar alomenos 58 pisos.

Non obstante, unha repentina e preelectoral contestación veciñal, que pide que ese solar se adique a dotacións para o barrio, podería de novo aforrarlle cartos a un departamento da Xunta que entregou o último gran edificio de vivendas sociais que fixo na cidade hai xa dez anos.

Como non podía ser doutra forma nun momento como este, os partidos da corporación están a apoiar as demandas veciñais e pídenlle á Xunta que traslade o proxecto a outra parcela da cidade, aínda que tendo en conta os tempos da Administración, seguramente tardaranse anos en ver cristalizar un novo edificio e as 58 familias que poderían ter xa vivenda en 2024 van ter que esperar ou recorrer á escasa oferta privada.

E non queda aí a cousa, porque aínda que a contestación dalgunha asociación á intermodal non tivo éxito e xa se asinou o convenio para financiar esta millonaria obra que vai transformar o barrio da Estación, si que semella que podería paralizarse a idea inicial de crear unha gran praza na actual terminal de autobuses. A Xunta xa baralla conservar o edificio actual, aínda que non se concretan os usos, se cadra porque a diferenza de Vigo, en Lugo xa non se piden cartos para tirar o feito, o que se pide é que non se faga nada.

JOSÉ TOMÉ

O presidente da Deputación lucense, José Tomé, tivo esta semana unha atención preferente ao Concello de Lugo xa que presentou varios investimentos do organismo provincial na cidade, como o proxecto para ofrecer 165 prazas de estacionamento gratuítas polas tardes no complexo de Santa María ou a renovación integral da Rúa San Isidro Labrador, no barrio da Piringalla. Neste mandato, a Deputación tamén conseguíu inaugurar logo de anos de espera o desdobramento dun tramo da avenida Duquesa de Lugo, que humaniza e moderniza este acceso a cidade.

José Tomé, a quen algún detractor acusa de estar máis pendente da cidade na que é alcalde, Monforte, sabe que tamén ten que axudar a Lara Méndez a revalidar a alcaldía de Lugo, sabedor da importancia que teñen os votos da capital para acadar a maioría de esquerdas na Deputación.

De feito, o peso do municipio de Lugo nun partido xudicial que elixe a nove deputados pode facer decantar para un bando ou outro a maioría na corporación provincial, polo que nos vindeiros meses veremos como tanto aos alcaldables lucenses e tamén o presidente provincial e líder do PSOE de Lugo intensificar a súa presenza en actos na capital.

Comentarios