Blogue | Sursuncorda

Socios con dereito a choque

O PSOE volve marcar distancias co BNG trala polémica das visitas guiadas logo de acusar a Pontón de ser "pouco humilde"
Lara Méndez y Rubén Arroxo estrechan sus manos tras llegar al pacto de gobierno. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Méndez y Rubén Arroxo estrechan sus manos tras llegar al pacto de gobierno. XESÚS PONTE

O feito de que os socios do goberno local estean a dar case unha polémica semanal a conta das súas decisións ou declaracións podería levar a pensar que pode haber ruptura de cara ao último ano de mandato antes das eleccións municipais. Pero a experiencia di que socialistas e nacionalistas están condenados a aturarse ata o mesmo día das votacións, porque o pacto de Lugo encádrase dentro dunha política de acordos a nivel galego que só se rachan por causas moi graves, é aquí non se dá o caso.

Pero iso si, seguro que vai haber de aquí a maio de 2023 máis episodios de desencontros, desplantes ou declaracións discrepantes entre socialistas e nacionalistas, porque tamén hai diferenzas entre a ideoloxía e os obxectivos das formacións.

A alcaldesa Lara Méndez deixou claro o xoves que non lle importa recibir miradas de reollo dos socios nas xuntas de goberno ao discrepar coa concelleira de turismo, Maite Ferreiro, por programar visitas guiadas gratuítas, unha medida criticada pola asociación de guías profesionais. "Non ten cabida realizar accións políticas á marxe da cidadanía", dixo a rexedora tras ser preguntada pola súa opinión diante das acusacións de "competencia desleal" do Concello feitas polas guías turísticas.

Engadiu que "unha parte do goberno", a socialista, consensúa cos sectores afectados as medidas de dinamización económica, dando a entender que os nacionalistas van por libre. O BNG, que respostou ás guías dicindo que as visitas gratuítas complementan as que programan eles, non quixo contestarlle á alcaldesa, como tampouco lle emendou a plana á secretaria provincial do PSOE e concelleira, Ana Abelleira, que acusou á líder frontista, Ana Pontón, de ser "pouco humilde" por dicir durante unha visita ás obras da Mosqueira que Lugo vive un cambio impulsado pola entrada do BNG no goberno municipal. "Cando veña pasear pola cidade, que o faga con maior humildade e non intentando patrimonializar o traballo e un modelo de cidade e de nova mobilidade que os gobernos socialistas levan desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas".

A estratexia do BNG de evitar o corpo a corpo cos socialistas do Concello contrasta cos reproches que lle lanzaron a José Tomé logo de que pechara o párking do Centrad ao día seguinte de que os nacionalistas anunciaran a súa apertura como aparcadoiro público gratuíto. O "señor de Monforte" —como lle chamaron a quen tamén é socio seu na Deputación— xunto coa alcaldesa de Lugo acordaron semanas despois reformar este espazo para crear 165 prazas de estacionamento con horario de apertura ao público polas tardes e nas fins de semana.

A oposición vai tratar de sacarlle punta a estes desencontros para desacreditar ese modelo de goberno en coalición, malia que PP e Cs son tamén socios en concellos, deputacións e comunidades autónomas, con desigual resultado segundo cara a onde se mire. E mesmo agora o PP vai conformar un bipartito en Castela e León que augura moitos máis episodios de friccións. Se non ao tempo.

Comentarios