Blogue | Ventureiras

Como non o descubrimos antes?

O famoso Satisfyer. DP - InteriorFEBRE EN tendas eróticas e plataformas de venda online. Produtos esgotados. Un novo aparello coñecido como succionador de clítoris ou Satisfyer arrasa entre o público feminino e quen o proba recomenda a experiencia a todo o mundo (que teña clítoris, claro). Ante tal revolución, unha amiga preguntábame: pero como non puido inventarse antes?

Máis alá das altas expectativas que poida xerar todo este rebumbio, a resposta a esta pregunta é interesante e, ademais, ten toda a lóxica. Por que nunca antes falaramos deste aparello? Por que a masturbación feminina é aínda un tema tabú? Por que non descubriramos o succionador de clítoris ata agora? Porque estabamos demasiado ocupadas na procura da media laranxa. Efectivamente, a sexualidade das mulleres estivo sempre ligada ao desexo dos homes. Tiñamos sexo na medida na que o tiñan eles, como complemento, nun segundo plano, se a eles lles apetecía, como un efecto colateral, e, con sorte, caía algún orgasmo.

Tiñamos sexo na medida na que o tiñan eles, como complemento

A historia da humanidade pasámola crendo que nalgún momento algún príncipe azul viría para salvarnos, por iso perdemos o tempo bicando sapos por se acaso ou tratando de converter bestas en cabaleiros musculosos, altos, guapos e con pelazo. E non, resultou que as películas de Hollywood non se fixeron realidade e acabamos frustradas, casadas con sapos que só se preocupaban de exacular nalgún burato sen preocupación algunha polo pracer da persoa á que supostamente querían. Non todos, pero unha parte importante dos homes segue deixando o noso pracer nun segundo plano.

No outro extremo, entre as novas xeracións a revolución sexual deixou tras de si mulleres que cambiaron a versión do príncipe azul romántico por unha concepción do sexo como algo no que había que ir ao límite para ser libre. Posturas acrobáticas sempre cómodas para eles e imposibles para elas, prácticas que teñen que gustarnos para estar na onda e cero emotividade ou afecto nos encontros sexuais. Polo camiño, a industria da estética facéndose de ouro para ternos ben depiladiñas á disposición do macho, para branquear anos e mesmo reducir o volume dos labios da vulva para adecuarse ao canon estético que, supoño, marcará o porno.

Dedicámonos a dar pracer e nunca pensamos en recibilo

Uns converteron o sexo en algo sacro santo que só se pode practicar cunha persoa na vida (aínd a q u e sexa unha besta ou un sapo, con todo o que iso conleva) e outros quixeron darlle a volta para que perderamos, outra vez, as mulleres. O caso é que se hai dúas xeracións a muller tiña que aguantar virxe ata o matrimonio era por amor ao home, e ese é, precisamente, o mesmo argumento que moitos mozos utilizan para presionar ás súas parellas rapazas para que realicen prácticas que a elas non lles apetecen. "Se non queres practicar sexo anal é que non m e queres" ou "se non queres que te grave mentres te penetro é que es unha moxigata". Logo está tamén o que pensen de nós. Ningunha quere ser puta, pero tampouco estreita, e entre eses dous precipicios queda un sinuoso camiño polo que transitar, sobre todo na a adolescencia.

Neste contexto, o ensino adoece de formación en educación sexual e afectiva para corrixir os efectos que unha cultura heteropatriarcal omnipresente causa na nosa vida sexual. E, de súpeto, un verdadeiro furor revolucionario chega da man dun xoguete sexual que fai sentir ás mulleres cousas que nunca experimentaran e sorprendémonos. Como non o descubrimos antes? Pois porque estabamos ocupadas soñando con namorarnos e vivir un romance de película. Porque non nos ensinaron a coidarnos e querernos. Porque moitas mozas nin sequera saben ubicar o seu clítoris. Porque nos dedicamos a dar pracer e nunca pararamos a pensar en recibilo.

Comentarios