miércoles. 16.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 16.10.2019
El tiempo

Un idioma de peros

O maior perigo para o futuro do galego é a fenda na transmisión da lingua de pais a fillos

Correlingua pola muralla, hai uns días. VICTORIA RODRÍGUEZ
Correlingua pola muralla, hai uns días. VICTORIA RODRÍGUEZ

UNHA VEZ ESCOITEILLE dicir a alguén que todo o que vén despois do "pero" é unha merda. Non sei, ao mellor a afirmación é un pouco excesiva. Hai que ter as cousas moi claras para expresarse con esa contundencia. Está ben iso de guiarse pola vida con seguridade, agora ben, a prudencia é tamén unha recomendable compañeira de viaxe. Non ten nada que ver coa indiferenza ou coa pasividade. Segundo o dicionario da Real Academia Galega é unha conxunción que lle dá paso "a unha restrición ou a unha oposición a algo que xa dixo". Por simplificar, o que normalmente introduce esa palabra é unha idea ou un concepto que cuestiona, matiza ata o descafeinado ou nega o afirmado xusto na frase anterior. Abusar do "pero" é case como falar por non estar calado. Ese pantalón quédache perfecto, pero faiche o cú carpeta e as pernas gordas. Véxote estupendo, pero estás pasado de quilos e xa se che van notando os anos. És ben simpático, pero ás veces faste un pouco pesado. Non bebes de máis, pero estás cheo media semana.

O galego está derivando, mal que lle pese, nun idioma de peros. Dacordo con datos facilitados pola Real Academia Galega (RAG), é a lingua materna de case o 45% das persoas maiores de idade, pero o 23% dos alumnos menores de quince anos recoñece que xa non sabe falalo. O caso é que as cifras sobre a situación sociolingüística de Galicia indican unha mellora das competencias lingüísticas dos galegos nos dous idiomas, pero ao mesmo tempo tamén poñen en evidencia unha fenda na transmisión da lingua propia de Galicia entre pais e fillos.

No caso do galego, o que vén despois do pero é moi relevante. De feito, a RAG avisa de que o castelán xa é a lingua nai maioritaria en Galicia, porque un 38% dos nenos rompen a falar nese idioma. O problema desa tendencia é a medio prazo, porque se o galego é incapaz de gañar novos falantes e pouco a pouco vai sendo desprazado dos ámbitos urbanos, onde vive a maioría da poboación, é unha lingua moribunda. Unha fala sen futuro.

Esa percepción non se limita aos estudos estatísticos. Nótase na rúa. Apréciase no día a día. O problema está sempre no pero. Chega con prestar atención aos comentarios. Encántame escoitar a túa filla falar en galego, pero os meus xa o perderon hai tempo na escola. Nós empregámolo na casa, pero o neno vén do colexio falando en castelán. Está moi ben coidar a lingua propia, pero se me dán a escoller prefiro que os meus fillos aprendan a falar en inglés. Como se a cabeza dos nenos fose un pendrive coa memoria limitada a un número determinado de xigabytes.

A última escoiteina esta mesma semana. Unha profesora de filosofía explicábame en castelán que ela é unha firme defensora do galego e mesmo que chegara a impartir clases desa lingua nun instituto. Non chegou a intercambiar comigo nin unha soa palabra nese idioma, pero aseguroume que a súa competencia era alta no manexo da nosa fala. Despois chegou o pero. Xa tardaba. Dixo que está moi ben aprendelo, pero tamén opinou que "pasas Ponferrada y no te vale para nada". Como o francés, cando baixas de Irún, podería terlle dito. A resposta foi o silencio. Para que. Estou canso. Deume por pensar que cada quen pode e debe falar a lingua que lle pete, sen máis. Non lle ten que dar explicacións a ninguén. O que realmente sobran son os peros que alimentan a hipocresía.

Hai uns anos comentaba nun artigo semellante a este que o galego é patrimonio de todos. Foi un comentario cándido, pouco meditado e bastante inxenuo. Miña avoa díxome unha vez que os nenos son "de quen os quere". Penso que co noso idioma pasa exactamente o mesmo. E neste caso non hai peros que vallan.

Un idioma de peros
Comentarios