Blogue | Patio de luces

Xabarín, sen peros

Miles de persoas apoiaron coa súa sinatura a creación dunha canle infantil en galego que emita as 24 horas

Non podo estar máis dacordo coa proposta para crear unha canle infantil que emita as 24 horas do día en galego. Xa dixen noutra ocasión que a nosa lingua é un idioma de peros. Nótase na rúa. Apréciase no día a día. O problema está sempre no pero. Basta con prestar atención aos comentarios. “Encántame escoitar á túa filla falar en galego, pero os meus xa o perderon hai tempo na escola”. “Nós empregámolo na casa, pero o neno vén do colexio falando en castelán”. “Está moi ben coidar da lingua propia, pero se me dan a escoller prefiro que os meus fillos aprendan a falar en inglés”. Como se a cabeza dos rapaces fose un aparello electrónico cun número limitado de xigas. Non hai peros que vallan.

Non teño moi claro por que pasa o que está a acontecer agora mesmo en moitas familias. Seguramente porque non se limita a un único motivo. O caso é que existe unha fenda moi evidente no proceso de transmisión da nosa lingua entre xeracións. Pais que son galego falantes ven como os seus fillos empregan o castelán de xeito habitual nas súas relacións persoais, mesmo cando se dirixen a eles. Ao mellor, esa realidade ten que ver coa propia oferta da industria cultural, moito máis abondosa nun idioma que no outro; coa influenza das redes e das novas canles de comunicación social ou co que sucede nas aulas. Non sei. O caso é que esa situación existe e así o confirman as cifras de usuarios e de persoas competentes na lingua propia.

As cifras sobre a situación sociolingüística de Galicia indican unha mellora das competencias lingüísticas dos galegos nos dous idiomas, pero ao mesmo tempo tamén poñen en evidencia unha fenda na transmisión da lingua propia entre pais e fillos. Sexa polo que sexa, en determinados ámbitos estase a producir unha interrupción dese proceso natural. Necesariamente, se nos interesa conservar a nosa fala, o que está acontecendo invita a unha reflexión e a tomar medidas de xeito proactivo.

Podemos mirar cara outro lado, pero a realidade é teimuda. O galego é a lingua materna de case a metade das persoas maiores de idade, pero un de cada catro alumnos menores de quince anos recoñece que xa non sabe falalo. Máis do 70% dos rapaces nesa franxa de idade fala sempre en castelán ou máis en español que en galego. Esa tendencia supón un problema a medio prazo, porque se a lingua propia é incapaz de gañar novos falantes e pouco a pouco vai sendo desprazada dos ámbitos urbanos -onde vive a maioría da poboación-, é unha fala sen futuro.

Xa sei que hai xente á que non lle importa, pero tamén que outra moita está implicada na súa defensa e promoción dun xeito activo e militante. É o caso das persoas que impulsaron a iniciativa para conseguir a creación dunha canle Xabarín que veña a reforzar a programación infantil e xuvenil en galego. O caso é que a proposta chegou ao Parlamento de Galicia arroupada por máis de 30.000 firmas. Sinaturas de persoas que lle dan valor a conservar o idioma e que consideran importante para iso a existencia de contidos de calidade para os nenos na lingua propia.

Seguramente é xente que, coma min, merendaba cada tarde coas interminables liortas de Songoku, intercaladas con pezas de bravú que forman parte da banda sonora da xeración do baby boom de finais dos oitenta. Moitos de nós estabamos “a velas vir”, agardando por “unha partida brava de futbolín” mentres reclamab amos a nosa “ración de xamón”. Que bos tempos.

Os tres grupos con representación no Parlamento de Galicia apoiaron a iniciativa. O dito. Non hai peros que vallan. Estamos ás portas do día das letras, feliz xornada.

Comentarios