Blogue | Nube tóxica

Lena Dunham nun Freire

Nun país que suprime noitebuses vai ser difícil facer pedagoxía de canto benestar e prosperidade representa o transporte público

VIÑA DISPOSTA a parolar do derradeiro episodio de ‘Girls’, das contradicións (máis as miñas que as das protagonistas da serie de Lena Dunham para HBO) ante unha ficción que retrata un mundo lonxano pero non alleo de todo, mais cruzóuseme un Freire no camiño.

Asistín estes días con tenrura á denuncia dun pasaxeiro que viaxou de pé nun autobús xunto a outra decena de persoas. Non porque sexa eu unha inconsciente das normas da seguridade viaria, senón por certa sensación soberbia de quen estivo alí -de pé, nun Freire- hai tanto tempo. Saben eses sorrisos como cara adentro que se lle forman a unha tan petulantes que se estivesen debuxados de verdade nun rostro serían abofé aborrecibles? Pois así.

Fixen estes días nas redes sociais un pequeno inquérito sen ningún tipo de rigor científico para pescudar se as miñas amigas e coñecidas se refiren ao transporte colectivo por estrada entre Lugo e Santiago como o Freire ou a Freire. Das respostas que obtiven podo concluír que para a xente de Lugo -de Lugo, Lugo; da cidade, vaia- dicir a Freire resulta un sinal de lucensismo como gardar os trastos no rocho ou calzar francesitas, eses zapatos sen tacón que en calquera outro lugar se chaman bailarinas ou manoletinas.

É a Freire. Alomenos, para os que teñen unha idade, xa que un lugués capitalino de vinte e poucos aseguroume que emprega o artigo en masculino, ao igual que todos os consultados cuxa procedencia é do Picato para aló, que collen o Freire e nunca a Freire. Quero pensar que a decisión luguesa de elixir o xénero gramatical feminino ten que ver cos usos en retroceso -mágoa- da palabra liña (de coche de liña) para nomear un autobús cun percorrido regular entre poboacións. Ata aquí a miña análise de filóloga frustrada.

A min sáeme falar do Freire por ascendente melidao paterno. Porén, refírome á Gómez de Castro, a compañía que comunicaba Lugo con Pontevedra e Vigo por Lalín, en feminino. Velaí a epifanía. Imaxino que é así por ter escoitado falar dunha señorita Gómez de Castro, seica a dona da tal empresa de transportes que logo foi absorbida por Monbus. Tamaña incoherencia lingüística autobuseira deixoume desacougada.

O Freire é o único transporte de viaxeiros que opera entre Lugo, Santiago e ‘hijuelas’. Non hai máis opcións para as xentes de Guntín ao Pino. Desde hai décadas é a conexión co mundo das piteiras e queixeiras da Terra do Medio, cuxo almanaque as conduce a Palas o 7 e o 19 de cada mes; a Melide, o 15 e o derradeiro domingo, e a Arzúa, o 8 e o 22. Leva estudantes que só anceian sacar o carné, gañar algún día cartos abondos para un coche e non ter que cruzar dedos e dedas para que a sorte os poña nun bus directo. Move funcionarios que evitan conducir por estradas inzadas de curvas nas madrugadas de xeada. Carrexa ata o vindeiro albergue mochilas e peregrinos cos pés esfolados. É a única opción sen escalas que temos os residentes en Lugo de poñérmonos nun aeroporto sen pagar un taxi, un aparcadoiro de longa estancia ou un Blablacar.

As protas de ‘Girls’ botan seis tempadas sen coche. A mocidade das terras do Freire está condenada a conducir

Tranquilas: axiña chega o Ave e estamos nun pispás en Madrid.

As rapazas de ‘Girls’ botan seis tempadas por Brooklyn adiante sen coche. Nin falta. Tampouco semella para elas nada aspiracional facerse cun utilitario. A mocidade das terras do Freire e da Gómez de Castro está condenada a conducir para ter unha vida que sequera se lle pareza á de quen vive xa non digo en Nova York, senón no Eixo Atlántico de Galicia.

Eu comprobeino nas primeiras semanas que botei á beira do Lérez, en abril de 2001. Dábame tempo a coller un Castromil a Santiago, facer unha práctica de coche dunha hora e estar sentada de volta na redacción de Diario de Pontevedra antes do mediodía. Mesmo podía elixir entre o autobús e o tren. Cando estudaba en Compostela, os meus compañeiros mariñaos non daban ido á casa de fin de semana se tiñan clase un venres á tarde. Todo é máis sinxelo na Galicia Apenove e do Corredor Atlántico. Madia levan despoboarse, envellecer e empobrecerse bisbarras enteiras de Lugo e Ourense.

Neste país que suprime noitebuses mentres os mozos se estrelan en coches logo de saír a Melide, Santa Comba ou Muimenta, que vai buscar as nenas á escola no centro da cidade en todoterreos que ben aparentan o caros que son, vai ser difícil facer pedagoxía de canta prosperidade e benestar, canto progreso e modernidade, representa o transporte público.

Se non é polo aforro, polo medio ambiente, pola seguridade, que sexa pola estética. Fagamos narrativas de coche de liña, tan válidas para os millennials coma as do metro de Londres. O Freire agocha as máis grandes historias de amor. Seino porque algunha vez estiven alí. Que non teña que vir contalas Lena Dunham.

Comentarios