Blogue | A lume maino

Os abrazos

Imaxe de arquivo da vella iniciativa Abrazos gratis. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Imaxe de arquivo da vella iniciativa Abrazos gratis. OLGA FERNÁNDEZ

HAI UNHAS semanas, cando convimos que o inverno xogaba a ser verán antes de hora, baixaba pola Praza da Verdura contra a hora do vermú cando dei cunha compañeira que estivera de prácticas unha temporada e á que había uns anos que non vía. As nosas miradas cruzáronse e, tralo segundo de rigor no que o cerebro escanea o rostro que ten diante e abre a carpeta das lembranzas, agromou a ledicia. Cun impulso e os brazos abertos achegámonos. Fundímonos nunha aperta tan grande, tan cinguida que parecía que quixeramos estreitar todo o centro histórico entre os brazos. Dunha chiscadela devolveume a aquela sala chea de xornalistas noveis con sede de noticias que recibiramos anos atrás. Recordei a cea de becarios na que me contou, cunha copa na man, algunhas das súas arelas e preocupacións e tamén as pequenas discusións que mantiñamos cada día á hora de poñer os temas nas páxinas. Falamos apenas uns minutos sen apagar o sorriso e logo de despedirnos seguimos cada unha o seu camiño, co regusto dese abrazo tan cálido que nos deixou unha dose extra de enerxía.

Esta mesma semana a clase da miña filla maior despedía cunha aperta colectiva a un compañeiro que, logo de compartir escola con eles desde Infantil, mudaba de centro escolar. Agardárono á saída, en dúas filas a ambos lados da porta e botáronselle sobre el dando saltos en canto saiu. A súa nai observou a escea con ollos vidrosos e eu tamén notei a forza dese instante que o pequeno levará deseguro para sempre con el.

Vin tamén hai poucos días un amigo despedir ó seu pai. Ás portas dun frío tanatorio, os apreixos vólvense piares que sosteñen o ánimo daqueles ós que a vida lles fai tremer as pernas.

Se por algo me gusta voltar á casa, baixo o ceo gris do envellecido Lugo, é precisamente polas apertas que alí acabo atesourando. Da familia, dos amigos de sempre, do meu afillado… ese mundo de noso que sempre está cando volves. Non importa o tempo que pase. Logo dunha benvida leda, dunha cea con sobremesa aderezada con gargalladas e anécdotas, unha remata coma se acabara de saír dun balneario ou dunha clase de ioga, ou de pasear ó sol nunha tarde de domingo.

Din os expertos que unha boa aperta é un día máis de vida. Que os abrazos son só son ponte cara os recordos, senón que tamén unen almas. Son mellores que algúns fármacos porque sanan feridas emocionais e desfán nós apretados. Disque ademais fortalecen a autoestima e axudan a combater o estrés. Incluso cientificamente está demostrado que unha aperta ten unha chea de beneficios porque contribúe a liberar oxitocina e endorfinas, esas hormonas da felicidade, e a que o corazón ralentice o seu ritmo. Se cadra por iso aquel médico dos meus avós sempre lles recomendaba que por cada pílula que tiñan que tomar, e a partires dunha idade xa son unhas cantas, lles pediran unha aperta ós netos. Por iso, existe o Día Mundial dos Abrazos e por iso tamén de cando en vez xorden iniciativas pola rúa: ‘Abrazos gratis’.

Hai moitos tipos de apertas: as que nacen da algarabía que estoupa na victoria dun equipo; a dos pais e as nais ás crianzas, que tece lazos desde o berce; a dos amantes, a máis íntima; as dos políticos, as menos cribles...

As palabras moitas veces tamén son apertas. Máis alá dos libros de autoaxuda, a literatura tórnase apreixo cun libro entre as mans nun sofá cun neno debaixo cada brazo, ou na soidade dunha chuviosa tarde de domingo. E logo hai columnas que nacen coa única vocación de agarimar. Viaxan polo aire coma bolboretas inquedas e póusanse como mans no ombro de quen as recibe, agochando nas súas liñas un ou dous abrazos.

Comentarios