Blogue | A lume maino

Baleas á vista

Ós pés do Camiño compostelán das Rías Baicas álzanse as Illas Atlánticas, como enormes baleas que emerxen do mar

Illa de Ons. ALBA SOTELO
photo_camera Illa de Ons. ALBA SOTELO

ÓS PÉS do Camiño compostelán das Rías Baixas álzanse as Illas Atlánticas. Como enormes baleas que emerxen do mar. Alí fala a ría. Murmura a airexa e o mar contéstalle co seu rumor eterno. Nun xuño morriñento e chuvioso a andaina antóllase solitaria, agreste e ata cun punto de perigosidade porque, se hai zonas onde a vexetación cobre os indicadores do carreiro, noutras as silvas estarrican os brazos ata abrazarse a si mesmas, estrangulando o vieiro e agochando a beira dos cantís. 

Pequenos grupos de arroaces xogan nese lenzo de tinta azul que aluma o día. Seguen de preto as sendas, que medran sinuosas arredor da praia, entre uces e carrascas, e agasallan os barcos que saen a mar aberto cunha vistosa danza da amizade. 

Xa polo San Xoán un pode intuír que o alude de turistas está ó caer, levando canda el a nostalxia da area infinda, e esa soidade cos pés nús soterrados na area. A praia en silencio. As casas durmidas, de ollos pechados.

"Non sei como vivindo aquí non vés máis veces", díxome.

"Non sei como non veño máis veces", respondín co tempo enredado na silveira e o ollar repousado no horizonte salgado. 

Por momentos, a soidade de S. é elixida. Mergúllaa cada mañá nun almorzo continental sobre un balcón que se asoma ao Atlántico. Di que sente os seus efectos reparadores con só miralo. Agarda todo o ano por ela e unha semana próxima ó verán escolle un recuncho das Rías Baixas e dedícase a gozar a pracer dos pequenos grandes agasallos que outorga esta terra: saborea a mesa en todas as súas formas; mariñeira e vexetal, con estrela e de furancho, alonga un albariño fronte unha ventá aberta ó mar ou dá longos paseos polos areais orfos enredada nos seus pensamentos, captura cores de atardeceres... E neses días nos que o repouso do corpo e tamén da mente gañan terreo, cóntame con esa voz de locutora de radio como se difuminan as présas, a irreverencia do espertador, as horas perdidas nos atascos, as mensaxes a deshora, as montañas de asuntos pendentes, o olor a oficina antes da hora do café e as feridas da alma. Os músculos reláxanse, o corazón estarrica os brazos e o estómago dilátase canda as ansias de sol. 

A S. coñecina hai miles de anos. É unha desas persoas que sempre están aí, incluso cando cres que non están porque non as podes ver. Dunha xenerosidade oceánica, é unha desas mulleres que todos temos ou tivemos na casa, capaz de botar ás costas cantos proxectos se propoña, pero que adoita poñer os seus soños nas mans dos demais. Penso que non porque non sexa quen de acadalos, todo o contrario, pero a ela, como a moitas, alguén lle ensinou que os seus propios devezos están á cola dos dos demais. 

A última vez que a vin agasalloume cunha andaina de nove quilómetros de risos e verbas polo Camiño salgado que une Paxariñas coa capela de Nosa Señora de Area, con silencios ateigados de tanta serenidade como un cadro mariñeiro nun día quedo de xuño. Detivo o meu tempo e convidoume a escoitar xuntas a música das ondas, e lembroume que camiñar cos pés descalzos pola area sen debuxar ensínache a pisar máis firme, que a amizade tamén consiste en compartir soidades e que se miras desde o alto de Punta Corveira cara o horizonte, cos ollos un chisco entornados, podes ver as baleas emerxer do fondo do mar nunha mañá calquera ás portas do verán.

Comentarios