Blogue | Fan Zone

Dez anos, dúas copas

HAI UNHA década o Breogán gañou a súa primeira Copa coa recordada tripla de Zach Morley. Estes días saíron as imaxes da televisión, a vista de paxaro. Todos os breoganistas que alí estivemos lembrámola moito máis de preto: dous directivos coas súas familias, os informadores desprazados, o meu amigo e xefe daquela Gus... e Natxo Lezkano, que é un enfermo do baloncesto e andaba por Zaragoza para ver unha competición clandestina.


Non houbo marea celeste, non houbo festa... non houbo nada. aquel foi un título silandeiro, boicoteado dúas veces polo Cai Zaragoza: unha, no momento, xa que o club maño non quixera facerse cargo da organización; outra, poucas semanas despois, cando Lucas Victoriano lle rompeu a man ao mesmo Morley e esvaeceu as posibilidades de ascenso celestes.

O contraste co vivido en Lugo esta fin de semana non pode ser máis evidente. O final foi o mesmo: victoria do Breo cunha emocionante xogada final. Mais na escena apareceron milleiros de persoas vestidas de celeste e un bo feixe de seareiros de Manresa que deron cor e sentimento ao seu curruncho. 


Convén non esquecer un pasado tan recente para valorar os éxitos deportivos e sociais deste Cafés Candelas Breogán. agora mesmo sería impensábel que o Breo disputase un título, por lonxe que fose, sen que o apoiasen varios centos de persoas. É a consecuencia daquel Breoganismo en Loita que agromou nuns intres de grande incerteza para a marea celeste e daqueles históricos playoffs de 2015 que remataron co dramático cuarto partido ante o COB.

Meigas fóra: todos agardamos a que chegue a primavera porque intuímos que acadaremos a terra prometida do ascenso á aCB. Supoño que a natxo Lezkano, coa súa intelixente política do "partido a partido", lle dará un mal ao ler que alguén pensa en Logroño ou Coruña pero son moitos anos de agardar. O limiar dese abril foron meses dun baloncesto excelente e unha Copa que quedará no imaxinario breoganista por décadas: a partires de Cáceres (ouch!) comeza a decisiva conta atrás.


 

Comentarios