Blogue

Un vilán de cabeceira

Javier Tebas. EFE
photo_camera Javier Tebas. EFE

TER UN vilán de cabeceira, ao que amentar cando veñen mal dadas, resulta tremendamente útil. Tanto, incluso, que estou convencido de que por pura repetición do mecanismo ao longo da historia da humanidade xa incorporamos ao noso ADN o cromosoma de escorrer o vulto e botarlle a culpa ao primeiro que pase.

Desde que nacemos comezamos a identificar eses viláns que nos irán expiando ao longo da vida de todos os nosos pecados. O irmán que nos rouba o xoguete, o mestre que nos suspende porque nos ten xenreira, o can que nos come os deberes...

Cando nos cae a primeira multa por ir coma foguetes por unha zona de 50 a culpa é dos picoletos, que só se poñen aí para facer caixa. Estamos seguros de que aquela relación se foi ao carallo por culpa dela; nada tivo que ver que pasaramos todas as tardes do mes de abril vendo partidos da Intertoto na casa dun colega. Na política tampouco falla o vello recurso de buscarse un bo inimigo co que desviar a atención. Se se afina ben o oído, no Hórreo aínda se escoita falar do bipartito. 

Hai viláns para todos os gustos. E moitos por méritos propios, só faltaba. Trump é un mesquiño incontestable, de manual, como o foi Bush ou como o son tantos outros nos que se escuda a dereita para agochar as súas miserias. De Chávez a Fidel. Agora está de moda O coletas. A cuestión é nunca recoñecer os nosos erros. Polo menos, que non se fale deles.

Tamén pasa no fútbol. A culpa sempre é do árbitro. Ou, nestes tempos modernos, do VAR. E incluso, cando xa se nos acaban todos os recursos, sempre nos quedará Tebas.

Comentarios