Blogue

A diáspora celeste

Breogan Granada
photo_camera Un ascenso por televisión

Sorprendeunos a adolescencia no Pazo, naquelas tardes de cambio de século nas que todo arrecendía a novo e a vida se escribía con letras azul celeste. O día de partido baixabamos paseniño pola Avenida de Madrid, colliamos unha bolsa de pipas de camiño á butaca e sentabamos onda sempre, detrás da canastra. Desde alí vimos os 33 puntos de Sanmartín, as exhibicións de Charlie Bell, os fracasos de Sartorelli e Bogavac. Insultamos a Hierrezuelo, gozamos con Navarro, choramos con Moncho, maldicimos por ter fichado a Ostojic no Supermanager. Tamén fumamos algún cigarro furtivo nos baños do Pazo e intentamos ligar –con infrutuoso resultado– coas rapazas da fila de abaixo. Incluso nos metemos nalgunha liorta por vaia vostede a saber que parvada. Eran bos anos.

Fixémonos maiores e a vida espallounos polo mundo. Ribadavia, Madrid, Santiago, A Coruña. Algúns, os menos, quedaron en Lugo. Desde todos estes lugares había hoxe moitos ollos pendentes de Granada e varios corazóns latexando como aquelas tardes de cambio de século no Pazo. Guiamos cada tiro de Erik, pechamos cada rebote para que Iván e Kevin puidesen collelo, metemos a man cada vez que Christian Díaz subía o balón. Porque o Breogán, xa saben, é un sentimento. Pasen os anos que pasen. Esteamos onde esteamos. En Lugo ou na diáspora. Na LEB ou, outra vez, de volta en ACB.

Comentarios