Blogue

Un verán con Abdoujaparov

Djamolidine Abdoujaparov. AEP
photo_camera Djamolidine Abdoujaparov. AEP

NAQUELES VERÁNS da infancia en Santa Mariña, entre herba seca e moscas rebuldeiras, lembro a chegada do meu pai cada venres coma unha aparición mesiánica. Viña de Lugo, onde quedaba traballando pola semana, e traía sempre un feixe de Marcas vellos cos que eu me entretiña horas.

Repasaba primeiro todas as clasificacións do Tour, a da combatividade incluída. Soñaba con ser Abdoujaparov e viaxar a aquel país lonxano do que proviña e onde toda a xente debía de ter nomes tan deliciosos coma o seu. Soñaba con esprintar por entre as vacas do meu tío como esprintaba Cipollini nos Campos Elíseos e imaxinábame rubindo polas costas de Lóuzara coma un Virenque desatado no Mont Ventoux...

Unha vez debullado o Tour, tocaba adentrarse no mercado de fichaxes. O prato forte. Agardaba a que todos fosen durmir a sesta e o tempo detíñase arredor do xornal. Guerrero fichará polo Madrid. "Guau!", exclamaba, contidamente, para non espertar a ninguén. Fran soa para o Barça. "Non pode ser!", murmuraba, incrédulo. O Atlético presenta ao Tren Valencia. "Seguro que se enche a marcar goles!", vaticinaba coa clarividencia dun mono borracho. Todo era fascinante.

Neste verán raro non queda tempo para esa colección de ruxerruxes que enchía, a partes iguais, as páxinas dos xornais e as ilusións dos seareiros. Hoxe, con internet, as novas xa non chegan a Santa Mariña en feixes de exemplares atrasados. E eu pregúntome con que soñarán agora os nenos de aldea mentres os maiores botan a soneca.

Comentarios