Blogue

Unha turba salvaxe

Uno de los carteles de la marcha de A Coruña en repulsa por el crimen de Samuel Luiz CABALAR
photo_camera Manifestación en A Coruña. CABALAR

A SAMUEL matárano nun quince contra un, en plena rúa, no corazón de A Coruña. Foron uns covardes que actuaron en manda, de madrugada, contra un rapaz indefenso, movidos pola senrazón. Pero iso xa o saben vostedes; que lles vou contar. O que non sei é se se fixeron a pregunta incómoda. Como actuarían se, indo pola rúa, se atopasen ante esa turba salvaxe? Xogaríanse o pescozo por un descoñecido? Avisarían á Policía? Fuxirían coma ratas? Con todo o respecto para as ratas, noble roedor, moito máis digno que os agresores de Samuel.

Moitos afearon o comportamento dos que pasaban por alí, viron a malleira e non interviron. Eu non sei como actuaría, sinceramente. Sospeito que optaría por unha defensa pasiva: convidaría aos salvaxes desde a prudente distancia a que depuxesen a súa actitude. Unha valente covardía; unha temerosa bravura. Dubido que funcionase. Pero, que máis podería facer? Cando mides 1,64 non debes xogar a ser Batman.

Unha vez mediei nunha pelexa. Foi diante da catedral. O amigo que sempre se metía en problemas acabou encerellándose cun descoñecido da forma máis absurda, que é como suceden sempre estas cousas. Todo comezou cun "que me miras" e acabou con puñadas voando da domus do Mitreo á Taberna de Daniel. Levei un par de golpes no nariz. Nada grave. Pero marchei para a casa lamentando non ser Adama Traoré. Agora lembro os versos de Miguel Hernández —"tristes armas si no son las palabras"— e lamento que os da turba non leran poesía.

Comentarios