Blogue

A importancia de chamarse Ray

Ray Zapata. COE
photo_camera Ray Zapata. COE

SEMPRE ME fascinaron os nomes dos heroes olímpicos. Con eles pasa como cos árbitros: desde o bautismo quedan predestinados. A Arcediano Monescillo puxéronlle o chifre na boca no mesmo berce ao igual que Maialen Chourraut naceu sabendo que algún día sería campioa en augas bravas. Hai nomes que levan o éxito aparellado. Ray Zapata, por exemplo. O amigo de Ana Peleteiro foi prata en ximnasia, pero porque non quixo ser boxeador ou escritor maldito. Chamándose así puido elixir o ceo. E escolleu alcanzalo desde o tapiz. Ou Támara Echegoyen. Ela, e quizais non o saiba porque é mentira, naceu sen posibilidades de triunfar na vela e por iso trocou o til de sílaba. Converteuse en esdrúxula e desde 2012 leva un ouro e dous diplomas, algo que nunca lograría sendo unha simple Tamara grave.

En Toquio tamén vimos a Su Po-Ya, fálica taekwondista asiática que non levou presea pero arrasou en redes. Agora comprenderá vostede, que se chama Manolo, Pepe ou María, por que nunca gañará nada. Non ten que ver coa súa falta de pericia nesta ou aquela disciplina; é unha simple cuestión de naming. Tamén pasa noutras artes. Acaso Ramón Antonio Gerardo Estévez triunfaría no cine se non se tivera rebautizado como Martin Sheen?

Comentarios