Blogue |

A Lara está co BNG... arroxo vivo!

Logo de ver ao mago Antón, Pelúdez fala de política local, autonómica, española e da que sexa

A FAMILIA colle camiño cara a unha actuación do mago Antón e o tipo vai cantando:

—Cata, catapún, catapún, puncandela, saca a parrilla, Polichinela!

—Durmiu ben, polo que se escoita.

Vannos cobrar a difiriencia!!!. SANTY—Coma un oso cavernicolario! Quedeime sopa co Polichinela dos sarriaos Airiños da Freba que estaban canda Gayoso e hoxe pola mañá seguía coa música na cachola.

—Logo non me diga que non ve a tele!

—Home! Gayoso! A Galega…! Iso non é tele! Iso é a Historia de Galicia! Talesmente coma se les a biografía de Xelmírez!

—Na casa todos somos moi fidedignos do Luar —di a Filomena—. Xa a miña avoa no século XIX non se deitaba os venres antes de que rematase.

—No XIX non había tele! —Non a habería no seu piso, pero na miña aldea, ou moi errada estou eu, ou xa mirabamos prós tres incombustibles.

—De que tres fala?

—Do Matías Prats, do Jordi Hurtado e mais do Gayoso.

—Non tente razoar con ela —xorde Pelúdez—. Se o afirma é que tivo unha premunición parasicolóxica, ou unha pareidolia, como di a Carmen Porter.

O mago Antón encantoulles, coma sempre, aínda que pró Harrison era a primeira vez que o vía e logo deulle por berrar:

—De maior vou ser mago! De maior vou ser mago!

—Cala, neniño, e fai coma Tezanos, que engade un 0 de máis ao CIS e xa ten a maxia feita.

—Non o traumatices de tan novo —di o Peludeciño—. Se o neno quere seguir o camiño da prestimancia e da prestedixitación, que ninguén lle poña atrancos.

—Eu era por facilitarlle as cousas. Entra hoxe no CIS e mañá está facendo trucos de contado.

Como os pícaros tamén querían montar no Grand Prix houbo que dar outra boa paseata.

—Estes sanfreiláns da pandemia aseméllanse moito aos plans de adestramento dos olímpicos españois —di Pelúdez—; levo cruzado Lugo de norte a sur e do leste a oeste máis veces que voltas deu a un estadio o Adrián Ben. Por certo, non vin no pograma nada de boxeo, e nembergantes…

—Sen embargo… que?

—A Lara está co BNG... arroxo vivo.

—Pois si, é certo. O Concello semella unha pelexa de galos, coma a dos cantistas de hip hop rap tumba e dalle a metralla, onde actuou un tal Meilán, que é medio parente seu.

—O Concello por unha banda, e os galos do PSOE por outra, porque entre os dos Caballeros, o Formoso e o Besteiro podían facer un deses combates de loita libre que tanto lles prestan aos americanos, aínda que no seu caso non sei se as labazadas serían falsas ou verdadeiras. Por iso non entendo que non se anuncie boxeo no pograma.

—Posiblemente será porque o combate principal veña despois das festas.

—Certo. E non van precisar foguetes.

No Grand Prix, como nas outras barracas, había xente a esgalla, pero como andaba por alí o xefe do estaribel, José Luis San Máximo, nada máis ver a familia, vén canda nós e di:

—Os Pelúdez non fan cola na miña barraca, e ademais están vostedes convidados a dúas voltas. O paterfamilias non pode reprimir a súa emoción:

—Viva o Grand Prix, o Pequeno Prix e o Prix máis pequerrecho que exista! Viva San Máximo, que é o máis grande de todos eles, como o seu propio nome indica!

Grazas ao enchufismo, puxémonos a andar pola barraca de contando co corazón encollido. Cando o chan deu en tremelicar coma se fose o enxame sísmico da Palma, a Reborita esborreca:

—Aaaaaaiiiiiuuuuuiiii…!

—Que lle pasa, consogra? Non me diga que trouxo o Satisfaicer no bolso e prendeuno ás escondidas?

—Non sexas besta! —censúralle a muller —O que lle acontece é unha ausencia de estabilidade pernil pola causa da artrose.

Os infantes pásano de medo e o resto, de medo tamén.

Ao chegar á roda barrica/barraca, un tras outro foron caendo contra as táboas, remexidos nelas coma fabes con ameixas.

Pelúdez analiza a situación

—E non dicía San Máximo que convidaba a dúas voltas? Eu xa levo sete e isto non para! Vannos cobrar a difiriencia!!! 

CORA

Comentarios