Blogue |

Dígolle que foi un padecemento intraouterino!

O paterfamilias anda moi preocupado co prezo da luz e pensa que pode haber desabastecemento de viño e cienfalópodo

VIÑAN DISPOSTOS a ver como traballan os de Traxandaina; ou sexa, o canteiro Darriba, o Estudio Estampa e un tear a man.

—Como lles foi á noite?

—Aforrando — di Pelúdez.

—Explíquese.

—Coa casa pechada na aldea e coas cortinas dos ollos baixadas na cidade, aforramos 288 euros por magahercio/hora, algo que non vin nos días da miña vida e que me está a desacougar o corpo dun xeito totalitario, porque leva todas as trazas de estoupar por algún lado. E cando digo estoupar non falo do volcán da Palma, que ese, con todo o que é, non deixa de ser previsorio; pero estoutro erupcionismo, se sae con barbas, san Antón, e se non, a Purísima Conceución.

—Tivo un pesadelo moi enormismo —engade a Filomena—. Había desabastecemento de cienfalópodo, pechaba o Padornelo, en Chantada quedaban sen barricas de viño e prá ter unha vaca na casa o Goberno esixía aprobar un cursiño do PPO.

—Apocalipse now!

—Non. Apocalipse si ho!—corríxeme Pelúdez— Comecei a suar polos poros da pel, agás polas unllas dos pés, e imaxinaba á muller de Pedro Sánchez como presidenta do PPO, que me dicía: "Suspenso! Non pode ter vacas! Exprópiese o animal!" Dígolle que foi un padecemento intraouterino!

—Intra... que? —pregunta a Vanesa.

—Intraouterino. Entre Outeiro de Rei e Outeiro de Castroverde. Ou sexa, Lugo.

—Pero xa lle pasou...?

—As medias. Cada vez que me lembro do tribunal e me vexo sen viño, sen cienfalópodo e sen vaca, sinto un arrepío na pel como cando me mordeu unha formiga en Trabadelo.

—Está ben. Pra axudar a estabilizalo, hoxe convido eu a unhas racións onde queiran.

—Viva o xornalista! Viva a nai co pariu!

Aquilo foi man de santo. Pelúdez esquece os malos pensamentos e todos podemos gozar dos artesáns de Traxandaina, aínda que naturalmente, chegada a hora do almorzo, houbo que subvencionar o molusco prometido.

Aos postres Pelúdez toma a palabra e di:

—Prá miña raíña e mais eu é un motivo de fachenda e fonda satisfaución ter o bandullo cheo sen pagar un peso, polo que o meu desexo é o mesmo que lles dei aos malos estudantes...

Todos quedamos en silenzo, apampados, sen comprender onde quería levar o home o seu discurso, ata que remata a frase:

—... que se repita!!! Nenos e maiores estralamos en berros e aplausos, mentres Pelúdez se chufa da súa oratoria:

—Se me deixasen as Cortes da miña conta, outro galo cantaría.

Castelar, Cicerón e Pelúdez! Os tres tenores! —berra o Peludeciño nun ataque de fervor paterno.

—Xa o saben os partidos. Se teñen problemas para cubrir a candidatura en postos de saída... eu estou aberto a recibir preposicións, aínda que non sexan indecentes.

A Reborita das Arieiras contribúe á festa cuns convites nas barracas prós nenos e a xornada véncese con ledicia e bo tempo, malia que pola mañá ameazaba borrasca.

—Que opina de todo canto se fala sobre os sexos? —indago ao home cando xa estamos no concerto da noite.

—Refíreste ao colectivo LGTBIXYeZ?

—Si.

—Pois que é máis vello que a pana. De xeito hoxe hai moita menos variedade que nos tempos antigos. Non digo os meus, que eu son vello, pero non prehistórico. Digo cando había homes metade varón, metade cabalo. Ou mulleres que eran sardiñas do embigo abaixo.

— Centauros e sereas.

—Si, como a Maruxaina. E mulleres que tiñan serpes no canto de crenchas e homes con cornos e patas de cabra...

—Xe vexo que non hai nada novo baixo o sol.

—Nada. Olle pralí. Daquela a Filomena e a Vanesa saíran a bailar un agarrado mentres escoitaban a música.

—Estas dúas non sei se son do colectivo do que falamos, ou pertencen á rama talibá, pero non se perden un troupeleo así poñan a luz a prezos de Vega-Silicia.

CORA

Comentarios